Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Bergoglio

    fillo y neto de bibliófilos, con talvez mil libros editados ás costas, se alguén me preguntase Que libro levarías a unha illa deserta? tería, de certo, que refrear o impulso de esganar o preguntante pola súa insidia. Unha illa deserta, polo demais, non me proporcionaría unha liturxia aceptable para a lectura (toda lectura require unha forma de liturxia), deixando de lado que nunha illa deserta tería, abofé, outras preocupacións. Imaxina vostede a Tom Hanks en Náufrago lendo a Boecio?

    En fin, que aínda sendo a pregunta unha chorrada, é comprobable a predilección individual por algún título que, se non a unha illa deserta, si levariamos canda nós de non existiren máis libros no mundo. Decidir cal é outro cantar pero malíciome que vostede, coma min, ten na chola dous ou tres títulos firmemente candidatos, ou? Permítame revelarlle un da miña terna: O nome da rosa de Umberto Eco.

    Glosar as horas de deleite que esta extraordinaria evocación da Idade Media me ten proporcionado impulsaría un panexírico sen fin. Todo na novela xira arredor dun libro. Discuten Guillermo e Jorge de Burgos (lembra vostede?) acerca da risa nunha sorte de regueifa de enxeños: Jorge afirma que, cando ri, o home ofende a Deus e as súas faccións defórmanse como as dos monos. Aponlle Guillermo que os monos non rin pois a risa é un atributo exclusivamente humano. Ao que Jorge, xenial, retruca: Como o pecado. Radicalmente, o ancián cego corta tallante a conversa asegurando, contra a opinión do franciscano, que nunca Aristóteles escribiu un libro sobre a comedia, pois esa foi a vontade de Deus. Ese libro polo que os homes matan.

    Con estes vimbios, teño para min que o actual sucesor de Pedro as pasaría canutas na Idade Media. Para alén da súa, digamos, comprensión cara á homosexualidade ou o aborto nos países do terceiro mundo, o papa Bergoglio amosa a faciana máis amable que, da Igrexa católica, rexistran os últimos anais vaticanos. Nunha interesante reportaxe (dunha TV francesa, creo) oínlle dicir hai ben pouco que a mellor ofrenda que podemos facerlle aos nosos próximos (o cal é un xeito de achegármonos a Deus) é sorrir, pois o sorriso, ou a aberta risa, é a luz da alma. Habería que velo discutindo co irascible bieito de Burgos...

    Bergoglio é desconcertante. Nunha Igrexa rexida polo dogmatismo e o desleixo por atopar empatías coa sociedade, Francisco visita o gran muftí de Xerusalén, o dalai lama, o patriarca de Constantinopla e o gran rabino de Israel, para amosar respecto polas crenzas alleas e non para venderlles a moto. Co seu doce sotaque porteño, Bergoglio emite verdades nas que acredita pero admitindo que outros poden non crelas. Nunha sociedade que ten definitivamente renunciado a calquera cultivo espiritual, o ateo que subscribe cree que este papa lle fai ben ao mundo.

    26 dic 2020 / 01:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.