Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 24 septiembre 2020
14:14
h

Biografía sobre a traxectoria vital

Escrita por Francisco Rozados, conta co apoio do Festival de Cine de Ourense e da Deputación

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o autor, Francisco Rozados Rochi, presentaron o libro Chano Piñeiro ou a teima dun soño (1954-1995), que recolle a traxectoria vital e profesional “dun dos pioneiros do cinema galego”, como o cualificou Manuel Baltar, destacando que é “unha honra continuar coa homenaxe permanente a Chano Piñeiro, unha das grandes figuras da nosa cultura e do noso cinema”.

O Festival Internacional de Cine de Ourense colabora nesta publicación, continuando así o camiño que iniciou na edición de 2018 de achegarse ao mundo editorial con publicacións vencelladas co sector audiovisual. Neste sentido, o OUFF quere ser plataforma para dar a coñecer traballos editoriais relacionados co sector e, neste caso, faino cunha publicación dedicada ao pioneiro do cinema galego Chano Piñeiro.

Este ano cúmprese un cuarto de século do seu pasamento e esta biografía pretende contribuír a ese aniversario coa lembranza “de quen merece gran respecto por ter sido o maior defensor do cine galego, por crear cine na nosa terra e na nosa lingua”, expresou Baltar, lembrando “a contribución a esa homenaxe permanente por parte da Deputación de Ourense coa organización o ano pasado dunha exposición sobre Chano Piñeiro, que exhibimos no centro cultural Marcos Valcárcel”.

No acto de presentación, que contou tamén coa presenza da viúva de Piñeiro, Mariluz Montes, o autor do libro, Rochi, amigo do cineasta, dixo que esta publicación “recolle reflexións e experiencias persoais co cineasta galego ao longo dos anos”, e cualificou a Chano Piñeiro como “un xigante do noso cinema ao que Galicia lle debe moito e llo está devolvendo a prazos”.

O libro, prologado por Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF, recolle en 200 páxinas a traxectoria vital e profesional de Piñeiro a través de texto e máis de 150 fotografías, moitas delas inéditas, e tenta reflectir “a lección de amor pola nosa terra que Piñeiro nos deu, un amor sen parroquias, un amor total por Galicia”, comentou Rochi.

Na mesma liña, Valentín García lembrou as palabras de Piñeiro nas que dicía: “Facer cine en Galicia é posible; facer cine en galego é necesario”, subliñando que Chano Piñeiro “foi un enlace cos persoeiros de Nós, que soñaron con outra Galicia posible”.

17 sep 2020 / 01:17
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.