Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Camiñar da man coa nosa sociedade no fomento do uso do galego

Román Rodríguez subliñou nun acto feito en Santiago que a diversidade lingüística hoxe enriquece a humanidade

A Xunta de Galicia conmemora onte o Día Internacional da Lingua Materna (que este ano tivo como lema o multilingüismo para a inclusión no eido educativo e na sociedade en xeral) cunha serie de propostas lúdicas e didácticas dirixidas ao público máis novo que se fixeron en streaming e de balde desde a Cidade da Cultura de Galicia.

Con motivo desta efeméride que a Unesco estableceu en 1999, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, achegouse ao Gaiás para participar en directo nesta retransmisión aberta e darlle a benvida a todos os nenos que, xunto coas súas familias, participan no evento.

Na presentación, na que tamén participou a xornalista Esther Estévez, Román Rodríguez subliñou que a diversidade lingüística “enriquece a humanidade” e que o seu futuro só se pode asegurar “garantindo a continuidade e a transmisión familiar”.

Deste reto non escapa o idioma galego que, aínda que é empregado por máis de 3 millóns de persoas e está incorporado ao sistema educativo, é necesario preservar a súa transmisión familiar, sobre todo no que atinxe ao seu uso por parte da xente moza e especialmente nos contextos urbanos. Unha tarefa que, en palabras do conselleiro, “debemos abordar todos xuntos, familias e gobernos; a sociedade xeral e os seus representantes políticos”.

O PAPEL AGORA MESMO DAS FAMLIAS Así mesmo, o conselleiro emprazou ás familias a seguir apostando polo galego como idioma nas relacións familiares, ao tempo que desde a Administración se lle dá seguridade xurídica en todos os eidos (educativo, laboral e social) e se fomenta o seu uso a través de materiais e espazos “para vivir e educar en galego”.

Nesta ocasión, a Xunta conmemorou esta efeméride cunha actividade de dinamización lingüística emitida en streaming desde a Cidade da Cultura con acceso libre e gratuíto desde a Axenda de Cultura de Galicia.

Tratouse de Puño, puñete, de Baobab Teatro, unha orixinal proposta dirixida a nenos e nenas de entre un a sete anos e ás súas familias, que estivo orientada a ofrecerlles a esta recursos para cantar e contar en galego cos seus fillos e fillas. Ao mesmo tempo, combinando rimas, as cantigas e os contos, convidou a cativada a descubrir un mundo de sensacións e de emocións a partir do xogo tradicional.

Durante o acto, Román Rodríguez referiuse especificamente ao uso do galego no sistema educativo, onde a día de hoxe está en condicións de igualdade co castelán, respectando a Lei de Normalización Lingüística e sen renunciar á aprendizaxe doutras linguas estranxeiras.

“Esta é a proba de que os idiomas non compiten entre si, senón que a adquisición dunha lingua favorece e alimenta a aprendizaxe das seguintes e abre oportunidades de crecemento persoal, social e laboral”, abondou o conselleiro nesta xornada feita onte en Ssantiago.

ENQUISA E VENTO A FAVOR Así mesmo lembrou que por primeira vez en 2019, a enquisa sobre uso do galego do Instituto Galego de Estatística (IGE) mostrou un incremento na porcentaxe de persoas novas que fala o galego, tanto no tramo de idade que vai dos 5 aos 14 anos como no que vai dos 15 aos 29.

“Se a isto lle sumamos os datos sobre coñecemento do idioma, que apuntan a que hoxe en día temos a xeración mellor formada en galego da historia, coido que podemos dicir que temos unhas bases sólidas sobre as que continuar traballando para garantirmos o futuro da lingua”, explicou Román Rodríguez.

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco en 1999 e celébrase anualmente desde o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.

A Xunta de Galicia vén sumándose a esta celebración xa desde o ano 2010, contextualizándoa na nosa comunidade e orientándoa dese xeiro á boa promoción e transmisión da lingua materna.

22 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito