Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Campamento romano da Ciadella, o renacer dun tesouro ocultado baixo a vexetación

O proxecto impulsado pola Xunta, afonda no coñecemento deste asentamento militar do século II D.C. // Traballan xa alí 12 persoas

Despois de dous meses de intervención arqueolóxica, o campamento romano da Ciadella, no concello coruñés de Sobrado, comeza a renacer baixo a vexetación.

Desde o pasado 2 de marzo, un equipo de arqueoloxía e conservación-restauración da Universidade de Vigo desenvolve un proxecto que, impulsado pola Xunta de Galicia, pretende afondar no coñecemento deste asentamento militar construído no século II despois de Cristo.

“Logo de dous meses de traballo, cun parón de tres semanas pola pandemia da covid-19, xa se aprecian os importantes avances dos traballos da fase de escavación”, comenta Adolfo Fernández, director do proxecto e membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.

O proxecto, no que o Goberno galego inviste preto de 240.000 euros, é froito da consecución por parte do equipo da Universidade de Vigo do concurso de licitación do traballo promovido pola Consellaría de Cultura e Turismo e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A iniciativa abrangue investigación, novas escavacións e tarefas de conservación-restauro cunha duración total de dez meses. Polo que respecta ás escavacións que se están desenvolvendo na actualidade, tiñan unha duración de tres meses, desde marzo ata maio, aínda que as novidades e o parón provocado pola covid-19 van facer necesario prologalas ata mediados de xuño. Nelas participan doce persoas, técnicos e auxiliares de arqueoloxía, contando o proxecto coa participación dos membros do Geatt e profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense Fermín Pérez, Susana Reboreda e Ladislao Castro.

Dúas frontes de traballo As escavacións, explica Adolfo Fernández, concéntranse no edificio 1-2 mentres que no chamado edificio 4 do xacemento a intervención consiste nunha limpeza e nunha reescavación dos niveis xa intervidos nos anos 90 do século pasado para proseguir cunha importante restauración dos restos arqueolóxicos. Na zona do edificio 1-2, detalla o arqueólogo, “xa se escavou por completo a fronte norte descubrindo os muros norte e oeste dunha grande estrutura do campamento”. Entre este edificio e a muralla do campamento, descubriuse una camiño perimetral, a chamada “via sagularis”.

Xa se avanza tamén neste sector na escavación dunha grande área que completaría a totalidade deste edificio, chegando ata a rúa principal do campamento, a chamada “via principalis”.

Ademais das estruturas campamentais do alto imperio, o equipo da UVigo está detectando “importantes fases de reocupación civil do xacemento datadas a finais do século IV e outra posterior, xa do século VI en diante, que inclúe unha zona de necrópole posiblemente das épocas tardoantiga e altomedieval que non era coñecida en toda a súa extensión”.

“Algunhas delas conservaban parte do cadaleito de madeira polo que a súa escavación está sendo moi complexa”, sinala Fernández.

Porén, o obxectivo desta campaña, lembran os seus responsables, é conseguir coñecer a planta da primeira fase, a do campamento militar, e con elo coñecer a funcionalidade dos edificios que ocupan a parte central do recinto castrense.

Polo que respecta á zona do edificio 4 deste tesouro da arqueoloxía galega, Adolfo Fernández comenta que “avanzouse na retirada de boa parte da cobertura vexetal que o tapaba deixando á vista elementos que foran escavados nos anos 90”.

datos
o seu valor

• Xuño A menos dun mes para o final da campaña, o equipo da Univ.de Vigo agarda desentrañar parte da planta real do campamento romano instalado posiblemente xa finais do século I antes de Cristo e outorgarlle unha funcionalidade a estes edificios campamentais e de épocas posteriores que se localizan nos chamados edificios 1-2 e 4. Logo da escavación e rexistro será o momento da fase de posta en valor.

23 may 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.