Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Can e neno, os protagonistas dun fermoso álbum

A relación dun neno coa súa mascota constitúe un dos tópicos da literatura infantil, ao ter asegurada de inmediato a empatía do lectorado: cantos máis bichos, mellor! Así sucede no álbum Acouga, Babau, publicado por Galaxia na colección Álbum. Trátase dunha historia de R. J. Peralta, onde un can vítima dunha hiperactividade crónica protagoniza diversas situacións conflitivas sobre unha sucesión de escenarios. Ante iso, o seu pequeno dono esfórzase por controlalo cun éxito só parcial e temporal. O título exclamativo e imperativo convértese en leitmotiv para un contumaz aprendiz de adestrador, cando más ben faría falta un domador profesional.

As ilustracións de Blanca Millán destacan pola concreción dos seus fondos, profusos e intensos, que chegan a impoñerse ás propias figuras, dado que a caracterización destas últimas non se atopan á par. Dito trazo transmite a importancia dos lugares que atravesan á carreira ambos personaxes. O recurso ao colaxe, incluso con anacos de papel milimetrado, serve para potenciar aínda máis os distintos obxectos que os distinguen, así como a presenza de estampados e acolchados. Como contrapunto eficaz, tamén se deixan algunhas escenas sobre branco puro para descanso visual do lectorado. Ademais, a paleta de cores artéllase a base de matices de ton pastel, cuxa discreción sortea con elegante soltura o efecto de non combinar axeitadamente as cores, que podería ocasionar tal exceso de elementos. A presenza de figuras adultas está manipulada con gran acerto, facendo sempre que só aparezan os seus corpos, coas cabezas cortadas polo borde superior da páxina, como facilita o propio formato apaisado. Deste modo, a ilustradora suxire de modo moi orixinal o punto de vista infantil (e tamén canino), mentres os maiores quedan relegados a meras comparsas pasivas e distantes.

20 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.