Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

CANDO O DIÑEIRO NON TEN PATRIA

La burguesía catalana, una brillante reflexión sobre o capital no procés

Malia as aparencias históricas, a alta burguesía de Cataluña sempre foi conservadora de máis e, incluso cando se desmarcou en defensa da lingua e da cultura catalás sempre procurou a protección do Estado español. Se primeiro foi o proteccionismo fronte ao librecambismo, no século XX estivo sempre ao lado da monarquía fronte ás ameazas obreiras, incluso cando a ditadura de Primo de Rivera prohibiu manifestacións catalanistas elementais, e os homes da Lliga Regionalista, con Francesc Cambó á cabeza, non dubidaron en apoiar a sublevación do exército contra a República.

Instalado o réxime franquista, procurou un confortable lugar ao sol que comezou a quebrarse cando, co Plan de Estabiilzación de 1957, a alianza entre os financeiros vascos e madrileños e os grandes propietarios do sur axudaron ao crecemento de Madrid, sen por iso esquecer o de Cataluña. Un modelo que continuou malia a Transición e que tivo o seu cumio no segundo goberno do PP con José María Aznar.

A alta burguesía catalá (apelidos que están na primeira liña xeración tras xeración) non tivo, xa en democracia, un partido que a representase. Se sentimentalmente podía sentirse preto do PP, a debilidade de esta forza en Cataluña obrigouna a aceptar, coma mal menor, que fose o Pujoli (ao cabo, un parvenu) quen dalgún xeito recollese a defensa dos seus intereses.

Pero este sector económico sempre basculou entre esta aspiración e a acomodación nas estruturas estatais. Pero cando o capitalismo industrial deu paso á hexemonía financeira, pillounos co pé cambiado: fronte ás privatizacións das grandes expresas públicas, as finanzas catalás quedaron atrás verbo da puxanza madrileña co capitalismo de amiguiños de Aznar.

Os sectores tradicionais da economía catalá (téxtil, farmacéuticas, alimentación) comezaron a desaparecer e con eles, boa parte das industrias de capital estranxeiro que preferiron a deslocalización. E se con Pujol Cataluña xogaba na Champions Ligue dos “catro motores de Europa” (con Milán, Lión e Stuttgart), no cambio de século foi a rexión europea con peores taxas de desindustrialización. Crise interna e crise externa fronte ao crecemento de Madrid. E derivado de tal situación, un paulatino empobrecemento das clases medias.

Unha parte importante das familias dominantes en Cataluña –que actuaban en diversas institucións como o Fomento del Trabajo Nacional (gremialismo fabril), Cercle d’Economia (o sector máis dinámico) ou Institut de l’Empresa Familiar- non dubidaron en vender ou liquidar as súas empresas e pasar a investir os capitais frescos no sector inmobiliario, no turismo (hoteis, compra de locais estratéxicos) ou en empresas patrimoniais. Sempre coa especulación como divisa. E a iso axudou a celebración dos Xogos Olímpicos de 1992, que transformou a fachada marítima de Barcelona –ocupada por usos industrias obsoletos- en barrios de clase media alta. Cumpríase, polo menos en parte, a idea proposta por Pere Duran Farell, presidente de Gas Natural, e que foi deseñada no chamado Pla de la Ribera por Miquel Roca Junyent e Narcís Serra. Non callou pola oposición cidadá (eran tempos de ditadura). Pero cando as alegrías daqueles anos remataron coa crise de 2008, especialmente a bancaria, as clases medias catalás –xa non só as de Barcelona- decatáronse que eran máis pobres ca antes. A desaparición das caixas de aforros –emerxidas en diversas capitais comarcais- deixábanas sen acceso ao creto próximo, que pasaba en boa parte a ser decidido en Barcelona ou Madrid. Un esgotamento que tamén padecía a dereita política catalá (CiU con Mas coma president) despois dos dous gobernos de esquerdas e da sentencia do TC sobre o Estatuto de autonomía reformado. Unhas clases medias que se sentiron frustradas polas dúbidas da coalición nacionalista que non tivo máis remedio que unirse ao clamor independentista.

Manel Pérez, xornalista de La Vanguardia, presenta en La burguesía catalana (Península) unha detallada análise do papel da burguesía catalá neste período recente, que culminou co referendo do 1 de outubro de 2017, a breve declaración de independencia feita por Carles Puigdemont e o cambio de sé de moitas das principais empresas de matriz catalá. Un imprescindible “quen é quen” para comprender que detrás da retórica, había (e hai) un importante conflito de intereses.

Joaquim Ventura

08 sep 2022 / 16:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito