Cando o modernismo conquistou as artes aplicadas
O Museu del Disseny de Barcelona inaugura una exposición sobre esta etapa estética
Ata o momento histórico que entre nós coincide co réxime da Restauración, as casas das familias potentadas eran decoradas por artistas e artesáns. Coa eclosión da burguesía industrial -xa que logo no caso catalán- a demanda para satisfacer as súas necesidades domésticas aumentou de maneira considerable. Eran os anos que seguiron á Exposición Universal de 1888 en Barcelona, é dicir os da expansión do novo Ensanche (Eixample) que aplicaba o proxecto de Ildefons Cerdà para a nova Barcelona que rachara os límites das murallas medievais.
Hai poucos días o Museu del Disseny de Barcelona ven de inaugurar unha exposición permanente que recolle importantes mostras de estética modernista (mobiliario, construción, artes decorativas e aplicadas) e as sitúa cos correntes que a seguiron. Unha demanda -esta da burguesía catalá- que, en consonancia coa condición industrial dos compradores, non rexeitaba que o que tiña unha condición artesanal de orixe acadase unha dimensión case industrial ou, polo menos, seriada.
A Exposición de 1888 trouxo a Barcelona mostras da modernidade que agromaba por Europa adiante e a súa propia celebración motivou que algúns dos arquitectos que nela participaron xa ensaiasen solucións arquitectónicas vinculadas á nova estética que emerxía (caso de Domènech i Montaner e o Castell dels Tres Dragons, que acollía el bar-restaurante da mostra). Era aquel primeiro modernismo unha manifestación historicista, de recreación neogótica ou neomedieval, moi na liña dunha burguesía vinculada ao espírito da Renaixença (patria e relixión).
Foi coa Exposición de París de 1900 cando este corrente estético trocou os seus parámetros pola influencia do Art Nouveau. Deixou de lado o historicismo a prol dunha nova modernidade que encaraba o novo século. Algúns dos seus impulsores eran os regresados de Cuba con capital despois da independencia da illa. Comezou daquela unha segunda etapa modernista que rachou o canon conservador para dar paso á rauxa (arrouto) arquitectónica que atopamos nalgúns edificios de Gaudí (Casa Batlló, Casa Milà, Parc Güell) ou Domènech i Montaner (Palau de la Música, Hospital de Sant Pau, Casa Lleó i Morera). E non só iso: de Barcelona pasou a cidades como Terrassa, Reus ou Mataró.
Unha etapa que empregou, como antes nunca se fixera en Cataluña, os azulexos, as pezas ornamentais cerámicas e os vidros decorativos en ventás. Pero non só iso. Os pisos dos novos edificios do Ensanche barcelonés pasaron a estaren pavimentados con baldosas hidráulicas, o que permitía engadir un motivo decorativo (e de rivalidade verbo doutros veciños) máis.
Iso formaba parte do ideal doméstico daquela burguesía industrial emerxente e para completalo, precisaba do concurso de deseñadores e ebanistas de altísimo nivel. Así, o propio Gaudí deseñou os mobles e complementos da Casa Calvet (pavimentos de madeira, portas, tiradores, etc.) e, entre os decoradores especializados, cómpre sinalar a Gaspar Homar (piso principal da Casa Lleó i Morera) ou Joan Busquets.
Pero a estética modernista tamén estaba presente nos ámbitos públicos, especialmente na publicidade (lembremos os carteis de Ramon Casas para Anís del Mono, por exemplo) ou no grafismo. Unha presenza que ficou mimetizada nun modernismo, ás veces serodio, anónimo e de tipo popular en moitos edificios feitos por mestres de obras.
Este achegamento á estética popular derivou -como o péndulo que marca os gustos estéticos- no Noucentisme, que procuraba un canon mediterráneo de resonancias clásicas e liñas simples (rectas, curvas) en arquitectura. Un modelo que chocaba co barroquismo modernista, ata o punto que houbo quen quería derribar o Palau de la Música polo seu pretendido mal gusto (hoxe é Patrimonio da Humanidade), pero que conduciu ata o racionalismo dos anos da República, co GATCPAC, que paradoxalmente foi o que consolidou a estética modernista. Unha revalorización semellante á que tiveron o belga Victor Horta, o escocés Charles R. Mackintosh ou o francés Hector Guimard en tempos recentes.
Joaquim Ventura