Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cando Xesús Alonso Montero quixo coñecer o novo panorama literario galego

Ramón Nicolás edita a enquisa promovida en 1969 polo profesor vigués

Hai proxectos cuxos obxectivos posiblemente excedan a realidade estudada pero que teñen un valor intrínseco polo propio feito de darlle pulo. Un exemplo claro é a enquisa que en 1969, cando era catedrático de ensino medio en Lugo, Xesús Alonso Montero promoveu entre aqueles que escribiran en galego e non publicaran antes da guerra civil. Para iso enviou a case un centenar de persoas unha ficha con diversos ítem, tanto de tipo informativo e de opinión como persoal (que con certeza hoxe non pasarían o filtro da protección de datos).

As respostas recibidas quedaron no caixón, posiblemente porque a situación non facía viable a publicación dos resultados e tamén, tal vez por razón máis determinante, porque non había vimbios dabondo para tecer un queipo minimamente homologable. Pasados máis de cincuenta anos, Ramón Nicolás e Edicións Xerais -co imprescindible apoio da Xunta- presentan en Dicionario da nova literatura galega (86 voces responden un inquérito, 1969) os materiais que daquela xeira Xesús Alonso Montero recibiu no seu domicilio lugués.

Se ben a primeira vista podería parecer que se trata dunha operación editorial arqueolóxica, sen que deixe de selo ofrece unha foto fixa da situación dunha parte importante da literatura galega no tardofranquismo, feita sen discriminación cualitativa. E esa podería ser outra das eivas que dificultarían a publicación dos seus resultados: a condición non homologable dos invitados.

Sen embargo, a hibernación dos resultados e a súa publicación medio século despois permite que o lector curioso procure as diversas traxectorias dos participantes, as máis delas non vinculadas ao mundo literario. E dun xeito semellante, coa publicación literal das respostas podemos coñecer algunhas opinións. Por exemplo, as abertamente contrarias á editorial Galaxia pola baixa calidade de moitas das obras que publicaba, ou á Real Academia Galega pola súa esterilidade verbo da lingua galega, polo cal defendían un instituto vinculado á universidade, formado por investigadores novos, que superasen a condición xerontolóxica daquela institución. Unhas opinións que tivesen quedado agochadas no caso de publicar os resultados no seu momento. Ou noutra dimensión, o caso de Nemesio Barja Álvarez, que na enquisa reivindicaba a galeguización do seu apelido en “Barxa” (incluso no encabezamento dos seus papeis profesionais), e que anos despois pasou a ser un activo reintegracionista.

Este corte feito en 1969 amosa, doutra banda, as limitacións que daquela padecía o mundo cultural galego a causa, fundamentalmente, do illamento que a ditadura impuña verbo doutras realidades, xa que logo as estranxeiras.

Con todo, cómpre recoñecer os esforzos do profesor Xesús Alonso Montero por explorar nas marxes do mundo literario galego, como cando en 1993 promoveu un congreso de escritores alófonos en lingua galega. Unha circunstancia da que son partícipe, o cal me achega aínda máis a súa persoa.

Un contacto que comezou de maneira indirecta cando ditou unha conferencia en Barcelona no outono de 1975 -creo lembrar- á cal asistiu a miña rapaza, viguesa de primeira xeración, que coñecía a Alonso Montero pola común proximidade ao PCG. Sendo daquela un asunto descoñecido para min, gardei espera na rúa na compañía da parella de policías que atendía a prevención de calquera incidente. Coincidín con Alonso Montero cando gañei os premios Letras Galegas da Universidade de Santiago de Compostela en 1992 e 1993, e no congreso dedicado a Vicente Risco en Ourense en 1995. Dous anos despois, presidía o tribunal que ía xulgar a miña tese de doutoramento e o día anterior chamou ao meu domicilio para un asunto do hotel. Atendeu a chamada a viguesa que daquela era a miña muller, que quedou abraiada pola sorpresa. Houbo posteriores ocasións de coincidir e por iso prestoume comentar esta obra.

E postos a citar algunha gralla cabería sinalar que na enumeración nominal dos autores que lle enviaron cartas a Alonso Montero o editor non soubo se afastar da inercia de considerar que o apelido de Ben-Cho-Shey era Fernández (o Oxea era un engadido galeguizado, o segundo apelido do seu pai) e non Ramón.

Joaquim Ventura

02 dic 2021 / 19:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito