Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Caosmos’, de Antón Patiño, tivo preto de 12.000 visitas

O artista acompañou a Román Rodríguez pola exposición, que pecha esta fin de semana

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou onte no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a exposición Caosmos, de Antón Patiño, que se clausura esta fin de semana despois de recibir preto de 12.000 visitas. Durante o seu percorrido, no que estivo acompañado polo propio artista, o titular de Cultura da Xunta puido contemplar as 45 pezas que compoñen este proxecto e que ofrecen un percorrido polas distintas etapas da traxectoria de Patiño.

Na súa visita, Román Rodríguez salientou a calidade artística das pezas expostas no Centro Galego de Arte Contemporánea, entre as que se inclúen varias obras do período dos anos 70, cando o artista se estableceu en Madrid.

Unha nova visión. Así, algunhas destas pezas puideron contemplarse por primeira vez hai máis de dez anos na Casa das Artes de Vigo e agora ofrecen unha nova visión da traxectoria de Patiño.

Neste sentido, o relato expositivo abrangue as distintas etapas do artista monfortino no eido das artes plásticas, desde a súa participación na fundación de Atlántica até a actualidade, pero tamén no ámbito da literatura e o pensamento, como autor de diversos libros de ensaio artístico e teoría da imaxe.

Así mesmo, o titular de Cultura incidiu na necesidade de unir esforzos para que a actividade cultural non se paralice e lembrou que a cultura é segura e que agora é importante que continuemos remando xuntos para dar garantías e manter o público dos teatros, cines e museos.

Dentro do programa expositivo inclúese un arquivo con publicacións, cartas e apuntamentos do artista, así como a estancia Inventario de escumas. Trátase dunha selección de xanelas abertas ao mar onde as texturas sonoras están presentes a través dun monitor que permite contemplar as obras na paisaxe dos areais atlánticos.

Ademais, como complemento a esta exposición, o CGAC deseñou un amplo abano de actividades que inclúe mesas redondas, presentacións de publicacións e o recital Rompente.

16 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.