Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Carta de Santiago’ pecha o ciclo afrontando os retos da sociedade poscovid

Conclúen coa conferencia de María Neira, directora de Saúde Pública da OMS, quen desde a COP26, pediu loitar polo planeta

O encontro internacional Carta de Santiago, pon fin a tres xornadas de debates sobre a sociaedade do futuro, onde a sustentabilidade e o medio, foron algúns dos seus aspectos básicos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiron este sábado no Gaiás á conferencia de María Neira, directora do Departamento de Saúde Pública da Organización Mundial da Saúde (OMS), que pechou o programa do foro internacional Carta de Santiago: diálogos para unha sociedade do futuro. O encontro, organizado pola Xunta en colaboración coa Fundación Paideia Galiza, reuniu no Gaiás durante tres días a 40 expertos internacionais en ciencia e tecnoloxía, cultura e artes, economía, medio ambiente ou cambio social para debater e reflexionar sobre os desafíos globais que afronta a nosa sociedade.

Pese a ter que facelo a distancia desde Glasgow –onde asiste á Conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático– a representante da OMS conectou con Santiago de Compostela a través dunha proxección holográfica para poder participar en Carta de Santiago. Na súa intervención, a especialista en saúde pública animou a “loitar para que en Glasgow se tomen decisións reais e non se fagan só anuncios publicitarios” e demandou tamén un compromiso para “deixar de empregar o planeta como vertedoiro”, advertindo que “os compoñentes do lixo electrónico que estamos a xerar
rematan no noso cerebro”.

O titular de Cultura do Goberno galego, encargado de clausurar o evento, destacou que Carta de Santiago “non se concibe como un simple encontro entre algúns dos expertos máis destacados nos seus campos, senón que é unha monumental posta en común de ideas que respondan aos desafíos da nova realidade pospandémica”. Así, o conselleiro aludiu ao espírito do foro como “reafirmación da nosa natureza social, da nosa vontade colectiva de sumar voces diversas que artellen unha ollada e uns valores globais de universalidade, consenso, solidariedade, coñecemento e sustentabilidade, os mesmos que están presentes no espírito Xacobeo”.

O representante da Xunta de Galicia lembrou tamén na súa intervención que “a despedida que este domingo se lle dá de maneira oficial á Carta de Santiago non significa a súa conclusión”, aludindo a que as reflexións e conclusións destes tres días de debate plasmaranse nun “documento que sirva como folla de ruta para comezar a definir a dirección que debemos tomar como sociedade”.

Temas como a biopolítica, a relación entre ciencia e humanismo ou entre intelixencia artificial e saúde, estiveron moi presentes no debate desta derradeira xornada do evento. O director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, Senén Barro, lembrou que hoxe en día “os cálculos que fai o supercomputador máis potente do mundo por segundo equivalerían aos que tería que facer toda a humanidade traballando dous anos, 24 horas ao día” ao tempo que apostou por “unha intelixencia artificial confiable, pero tamén rendible economicamente”.

O ex reitor da universidade compostelá e catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial conversou con Bibiana Campos, editora xefa da revista da Asociación Americana de Química, con máis de 150.000 subscritores, e con César de La Fuente, biotecnólogo e profesor da Universidade de Pennsilvania recoñecido polo MIT como un dos científicos novos máis innovadores.

No eido das tecnoloxías éticas e sociais, o filósofo Daniel Innerarity, Premio Nacional de Ensaio, sinalou que se ten avanzado moi pouco en analizar o impacto da intelixencia artificial na política, advertindo de que “sería un erro enorme deixar que Siri ou Alexa tomasen decisións políticas fundamentais”. A emprendedora e científica Luz Rello, Premio Fundación Princesa de Girona, lembrou pola súa banda que “as Humanidades son necesarias no desenvolvemento de algoritmos que non caian nos nosos nesgos”.

fUTURO
Reflexión e debate

··· Reflexión e debate sobre a sociedade do futuro ‘Carta de Santiago’ erixiuse como un dos principais eventos de reflexión no marco do Xacobeo 21-22. E O encontro congregou a arredor de 2.000 asistentes, dos que máis de 600 o seguiron de xeito presencial na Cidade da Cultura, ademais de sumar máis de 1.200 visualizacións a través da súa retransmisión por streaming a través das plataformas habilitadas.

07 nov 2021 / 21:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.