Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cartelera dedicada á escena do país na edición do Fetega

Desenvolverase no Carballiño do 23 ao 26 de setembro, en centros culturais, nas rúas da vila e con actividades en liña

O Festival de Teatro Galego-Fetega Celso Parada desenvolverá no Carballiño do 23 ao 26 de setembro a súa 31ª edición co apoio da Xunta de Galicia e cunha carteleira dedicada integramente á escena do país, con espectáculos de sala, animación de rúa e unha Escola do Espectador como principal novidade das súas actividades paralelas.

Os organizadores do certame, que incorpora a Carlos Ledo como director, presentaron onte en Ourense toda a programación, nun acto no que, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. A Casa da Cultura e o Auditorio Municipal Manuel María acollerán as representacións de Clausura de amor, de Cámara Negra Teatro; Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández (os dous espectáculos coproducidos polo Centro Dramático Galego); O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro; A que non podes dicir Coca-cola?, de AveLina Pérez; Technologies, de Pedro Brandariz; Sexo débil...o carallo!, de Arantxa Treus; Sempre o pensaches pero nunca o dixeches, de Diana Sieira; e Proxecto Literarias. Estas propostas integran o programa de sala, que, xunto ás sesións de teatro de rúa a cargo da compañía Barafunda, foron seleccionadas entre as máis de 100 propostas recibidas para participar no certame.

Realizarase, ademais, a lectura dramatizada internacional de A farsa das zocas, de Carvalho Calero, que será levada a cabo por 50 persoas voluntarias dos Centros de Estudos Galegos de distintos países, baixo a dirección desde Galicia por Vanesa Sotelo, e que se poderá seguir polas redes sociais durante 30 minutos ao día.

A exposición Outra pel, outro rostro, dúas mesas redondas, obradoiros, a presentación do libro DramaturGA 20 e a conferencia titulada Traxedias, Dramas, Comedias e Públicos, a cargo de Afonso Becerra, Premio Fetega de Honra 2020, son outras das citas que ten preparadas o festival, ademais da entrega dos seus Premios Dorotea Bárcena.

22 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito