Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Castelao, a década política

Miguel Anxo Seixas presenta o segundo volume da biografía do artista rianxeiro

Editorial Galaxia, en colaboración co Consorcio de Santiago, veñen de publicar a segunda entrega da colosal biografía de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, Castelao. Construtor da nación, escrita por Miguel Anxo Seixas. Este segundo volume abrangue o período que vai de 1931 a 1939, entre a proclamación da Segunda República e o remate da guerra civil, cando o rianxeiro veu como a súa residencia temporal en Nova York se transformaba en exilio para sempre.

Antes de comentar algúns detalles desta obra (facelo na súa totalidade resultaría imposible nun artigo de xornal), temos que deixar clara unha evidencia, presente ao longo desta entrega. De entre os principais homes que conformaron o chamado grupo Nós, Castelao foi o único que tivo unha actitude coherente e, sobre todo, honesta no seu servizo a Galicia.

Podemos discrepar en que tiña pouca bagaxe ideolóxica, que era popularista e tal vez inxenuo, pero o seu comportamento sempre foi xeneroso e honesto, a diferencia de Risco e de Otero que fixeron da súa dedicación ao galeguismo unha maneira de procurar unha posición de dominio (o primeiro) e de redimir certos pecados (o segundo). Castelao fixo da súa entrega a Galicia unha misión persoal e xenerosa.

Seixas aporta abundante e moi interesante documentación, que axuda a comprender como manobraron as diversas forzas políticas galegas no período republicano, sempre co galeguismo e a proposta de autonomía para Galicia como referente a ter en conta. Seixas toma partido a prol de Castelao e do galeguismo, cousa que non quita obxectividade ao conxunto da biografía. Sen embargo, cómpre non esquecer que tan galegos eran os galeguistas como as restantes forzas políticas e aqueles que deron apoio activo á sublevación militar en 1936.

E na descrición que Seixas fai do comportamento político cara ás eleccións constituíntes de 1931 podemos descubrir as debilidades do galeguismo político, dividido daquela aínda en grupos locais que representaban posicións ideolóxicas diferenciadas e –o que é peor- aspiracións e obxectivos distintos. Non é de estrañar que apenas dous anos despois, Risco se rendese en 1933 (outra cousa é a súa aceptación do novo estado dos sublevados).

Castelao tivo que coller compromiso cando foi elixido deputado e defendeu coma ninguén a dignidade da súa terra e as aspiracións dunha boa parte das súas xentes. E asemade, el e os seus compañeiros (Otero, Suárez Picallo, Villar Ponte) encetaban unha nova aportación á lingua galega: a oratoria.

Cando en 1933 as dereitas pasaron a gobernaren, e a consecuencia da crise política que levou á revolución en Asturias e ao conflito de Cataluña, padeceu o desterro –por vía administrativa- en Badaxoz. Tal circunstancia non o desanimou e de cara ás eleccións de febreiro de 1936, cando se decatou que a alianza do galeguismo coas esquerdas era a única vía para Galicia.

Foron semanas de compromiso de moitos galegos -galeguistas ou non pero demócratas por riba de todo- para que o Estatuto fose unha realidade. E á cabeza, Castelao. Cando a sublevación comezou, o rianxeiro estaba en Madrid en compañía da súa muller para tramitar o Estatuto acabado de referendar. Xa foi imposible o seu regreso a Galicia. Comezou daquela un tempo de resistencia a prol da dignidade galega e da democracia, primeiro na capital de España e despois en Valencia e Barcelona.

Foron meses de esforzo e de traballo, que deron como froito diversos álbums: Galicia mártir, Atila en Galicia, Milicianos. Por primeira vez, Galicia adquiría carta de natureza no estranxeiro grazas ás edicións solidarias en diversos países e en diversas linguas, incluído o chinés. Unha labor que foi acompañada de viaxes por Europa (Francia, Reino Unido, URSS) e América (Estados Unidos, Cuba) e que Castelao aceptou incansablemente.

Daqueles anos de guerra, Seixas Seoane dá moita e moi valiosa información sobre as actividades dos galegos republicanos, incluso daqueles que non sendo galeguistas, sentían a Galicia como a súa terra tanto en territorio republicano coma no exilio.

Joaquim Ventura

27 oct 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.