Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Catalunya: prensa, poder e un persoeiro excesivo

Os mitos creados sobre humanos tapan as vergonzas dos seus protagonistas. Uns mitos que quedan fixados na memoria colectiva e que soen resultar indestrutibles por moitas evidencias que demostren as falsidades nas que se basean.

Este esquema é o que articula o período que podemos chamar pujolismo, desde a emerxencia de Jordi Pujol como activista a partir dos chamados “feitos do Palau” (1960), a súa continuación coma banqueiro e o seu desembarco efectivo en política coa fundación de Convergència Democràtica de Catalunya (1974) e unha traxectoria que tras facer del un dos principais dirixentes da oposición democrática que negociou a Transición, culminou coa presidencia da Generalitat de Catalunya entre 1980 e 2003.

Pero nesa traxectoria os diversos pasos non foron por casualidade. O catalanismo morno que dera apoio á sublevación militar de xullo de 1936, callou no semanario Destino, fundado por falanxistas cataláns en Burgos, a partir do seu traslado a Barcelona en 1940, cando ao núcleo fundador engadíronse Josep Vergés, Ignasi Agustí, Juan Ramón Masoliver e Josep Pla. Este núcleo intelectual tiña estreito contacto cos empresarios do téxtil, que procuraban as gretas do réxime franquista para certas empresas culturais que xustificasen a súa vontade de facer negocios, para o cal precisaban dispoñer de divisas estranxeiras para mercar (especialmente algodón) no estranxeiro e, de paso, colocar excedentes financeiros fóra de España.

Nestas manobras houbo tres persoeiros que xogaron un papel decisivo: Manuel Ortínez (do círculo dos empresarios algodoneiros e artífice en 1977 do retorno de Tarradellas), Florenci Pujol (pai de Jordi Pujol) e Josep Andreu Abelló (dirixente de ERC exiliado establecido en Tánxer). O primeiro pertencía tamén ao grupo intelectual liderado por Josep Pla e Jaume Vicens Vives que impulsaban unha resposta catalanista rexeneradora e moderada de cara ao momento en que a ditadura desaparecese. Un obxectivo que pasaba por soster a figura de Josep Tarradellas, president no exilio daquela, a quen os empresarios téxtiles deron unha axuda económica regular, que se mantivo malia a cancelación do proxecto pola morte de Vicens Vives en 1960.

Tal circunstancia deixou o campo libre para que Jordi Pujol –ante a imposibilidade de facer política- fundase un banco grazas á axuda económica do seu pai: Banca Catalana. Conforme a ditadura chegaba ao seu fin, Pujol tomou posicións mercando Destino e El Correo Catalán, xornal da órbita tradicionalista que anos antes pasara á órbita dos téxtiles.

Xa coa Transición, a prensa española veu como desaparecían os vellos xornais madrileños e aparecían outros, algúns deles vinculados a sectores empresariais reformistas, que ben axiña adquiriron a condición de “orgánicos”. E coa chegada de Jordi Pujol á presidencia da Generalitat –grazas ao interesado apoio dos empresarios cataláns, que querían frear a vitoria das esquerdas-, culminaba o traxecto para que os poderes económicos cataláns tivesen o poder político.

E testemuña privilexiada deste recorrido foi Alfons Quintà. Nacido en Figueres en 1943, o seu pai exerceu de chofer de Josep Pla, con quen durante anos compartiu discretamente contactos, reunións, comidas e bebidas. E en moitas ocasións coa compañía do seu fillo, que ben axiña evidenciou un comportamento tóxico, coma cando sendo adolescente, fixo chantaxe ao propio Pla para que o seu pai lle dese permiso para obter o carné de conducir. Despois de diversas peripecias, entre elas o primeiro programa de radio en catalán, Alfons Quintà pasou a ser o delegado de El País en Cataluña.

E foi desde este trampolín cando comezou a tirar con balas de gran calibre contra Pujol pola súa xestión ruinosa de Banca Catalana. Pero cando tal campaña quedou sen saída (as empresas de prensa sempre teñen intereses políticos a observar), Quintà non dubidou en aceptar a oferta da contorna de Pujol para poñer en marcha a televisión autonómica catalá.

Unhas traxectorias que Jordi Amat, en El hijo del chófer (Tusquets), narra con precisión de datos documentais e cun ritmo vertixinoso que leva a non poder deixar a súa lectura. Amat pon dedos en moitas chagas, comezando por esa pregunta que ninguén se quixo facer en Cataluña durante anos: ¿quen di a verdade neste país?

Estamos diante dunha obra que retira unha chea de velos de Isis para deixar aflorar moitas verdades que uns e outros agocharon durante moitos anos. Un libro imprescindible para saber moitos dos secretos da prensa española (madrileña e catalá) durante a Transición, con intereses empresariais que excedían a simple función informativa para tensar o que era o poder político.

Joaquim Ventura

20 ene 2021 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.