Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Catro produccións galegas competirán na XVI Mostra de Cinema Etnográfico

Organizado polo Museo do Pobo Galego celebrarase de xeito presencial e virtual entre os vindeiros días 6 e 10 de abril

Santiago acollerá entre os días 6 e 10 de abril a XVI edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico ( MICE) do Museo do Pobo Galego, un encontro sobre a antropoloxía visual que, nesta ocasión, compatibilizará contidos presenciais e en liña.

A organización da Mostra desvelou onte os contidos completos do certame, que este ano se estrutura ao redor da vintena de proxeccións da Sección Oficial e da de Fóra de Concurso, así como do apartado Impropias, que aborda a memoria histórica desde unha perspectiva de xénero, e as denominado Trazas, en colaboración co Cineclube de Compostela e dedicado á linguaxe.

A programación da Sección Oficial poderá seguirse desde as pantallas do Museo do Pobo Galego, do Teatro Principal e do Cinema Númax. Serán 11 películas de sete países (España, Estados Unidos, Francia, Finlandia, Marrocos, Mozambique e Portugal) as que irán a concurso, entre as que se atopan catro filmes galegos: A miña terra, de Santiago D. Risco; Notas sobre a habilitade na Barca, do Colectivo Semente; A poeta analfabeta, de Sonia Méndez e Entre pastores e lobos, de Manuel Pedrosa.

Fóra de competición proxectaranse os tamén galegos Negro Púrpura, de Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, que abrirá a MICE coa súa preestrea o 6 de abril, ou títulos como Vos corpos de Eloy Domínguez Serén, e o mediometraje Do Not Lean On Door, de Vicente Vázquez.

Entre as actividades paralelas destacan o taller práctico Da investigación á creación biográfica’ e a exposición Ons soa, comisariada pola arqueóloga e etnógrafa Paula Bellesteros-Arias a partir do seu traballo de campo na illa de Ons.

Concha Losada, vicepresidenta do Museo do Pobo Galego, asegurou durante a presentación que “o cinema ten unha importancia vital para facer país” e sostivo que desde o Museo do Pobo “amamos, exhibimos, divulgamos, e na medida en que nos corresponda, impulsamos” o cinema.

Pola súa banda, a directora da XVI MICE, Ana Estévez, salientou que esta edición “recupera o encontro presencial con todas as medidas sanitarias porque a cultura é segura e a MICE é segura”. “Imos ter unha edición mixta na que varios dos contidos estarán en presencial e en dixital. Estamos contentas por recuperar os encontros e esa capacidade de vernos, de falarnos; aínda que sabemos que o dixital, que nos aporta outras cousas, veu para quedarse”.

Tamén o director da Agadic, Jacobo Sutil, destacou que a MICE vai “un paso máis aló do cinema documental”, o que incide na visualización da relación humana cos territorios, cos costumes e coa idiosincrasia de cada pobo.

“Se o cinema galego, en xeral, cobra todo o sentido cando fala de nós mesmos, o cinema etnográfico galego, do que hai boas mostras nesta carteleira, achegan claramente ese plus diferencial que nos sitúa como un sistema audiovisual propio no panorama global”, expresou.

A MICE do pasado 2020 foi unha das primeiras actividades que tiveron que ser suspendidas por mor da pandemia, pero que grazas á capacidade de adaptación e resistencia as estruturas culturais galegas conseguiu “ reiventarse” para levar a cabo no mes de agosto cun formato mixto (en liña e presencial) e non perder o contacto nin cos profesionais nin co público.

o xurado. Nesta edición a MICE colabora co festival portugués Family Film Project, dirixido por Filipe Martins, “para que –en palabras de Ana Estévez– o público poida coñecer un traballo que nós consideramos exquisito, polo que fai na relación do cinema coas ciencias sociais”.

O xurado estará formado por Bibiana Martínez (doutora en Antropoloxía Social e investigadora da Univesidade de Barcelona e no Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña); José Manuel Sande (xestor cultural e programador de cinema do CGAI), e Filipe Martins (doutor en Semiótica Social, profesor na Escola Superior de Media Arts e Design de Porto e director do festival Family Film Project). Eles farán entrega dos premios á Mellor Película Etnográfica e á Mellor Película Galega dotados con 1.000 e 800 euros, respectivamente, ademáis dun trofeo.

24 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.