Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Celebran os cen anos das labores na Misión Biolóxica de Galicia

Actualmente dedícase á investigación agraria e forestal de cultivos e especies leñosas do país

A Misión Biolóxica de Galicia, a institución científica fundamental para a modernización e mellora do sector agrogandeiro galego no século XX, celebrou onte o seu centenario. O Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) celebrou onte en Salcedo (Pontevedra) o acto oficial dos cen anos desta entidade. Unha efeméride á que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribuiu tamén cun especial web que xunta as biografías de destacados membros que a conformaron e que están no Álbum de Galicia.

O acto contou coa presenza dunha nutrida representación de autoridades do propio CSIC, do Goberno, da Xunta de Galicia, das universidades galegas e de entidades coas que a institución mantén unha intensa colaboración.

A MBG fundouse o 1 de abril de 1921 por iniciativa da Xunta de Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas (JAE, institución que tivo un papel relevante no desenvolvemento científico e cultural de España ata a súa desaparición en 1936). En 1939 pasou a constituírse como un centro de investigación do recentemente creado Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Esta misión contou con importantes científicos e membros do ámbito cultural e universitario como Cruz Gallástegui, ou Osorio Tafall.

O seu obxectivo fundacional era realizar investigacións e traballos de bioloxía aplicados á agricultura e gandería de Galicia. O seu primeiro director foi Cruz Gallástegui e nos seus primeiros anos o labor centrouse na obtención de variedades vexetais e gando porcino de boa calidade, así como na transmisión dos devanditos coñecementos ao sector agrario.

A partir de 1930 os traballos da MBG se centraron na mellora xenética do millo e na obtención de variedades de castaño resistentes á tinta (unha das súas principais enfermidades), esta última liña consolidada por Ernesto Vieitez. Nesta época tamén se encargaron dos estudos e mellora xenérica do porco, coa introdución e mellora da raza porcina inglesa Large White.

Na década de 1940 a MBG consolidou as súas primeiras liñas de investigación sobre a mellora xenética vexetal, animal e fisioloxía. A xubilación de moitos dos seus investigadores e o traslado doutro fixeron que entre 1960 e 1973 se pecharan algunhas liñas de investigación. Mantívose a sección de Química Agrícola, baixo a dirección de Benito Sánchez, que iniciou o estudo dos solos agrícolas das provincias de Ourense e Pontevedra. As investigacións sobre xenética vexetal sufriron un parón ata que, a partir de 1973, Amando Ordás retomou a liña de investigación de mellora xenética de millo, comezando a recolección de variedades locais de millo e o inicio de programas de selección e mellora.

A partir de 1980 abríronse novas liñas de investigación con novos programas baseados en máis cultivos de importancia para Galicia: as legumes, as brásicas e a vide. Actualmente a MBG se dedica á investigación agraria e forestal, ocupándose dos principais cultivos e especies leñosas do país.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, participou no acto conmemorativo do centenario, onde explicou que a iniciativa botara a andar “como unha institución practicamente unipersoal” encarnada na figura de Cruz Gallástegui. O célebre científico amosou unha entrega absoluta ao laboratorio, asistido por un único axudante e “cunha dedicación plena que rozaba a obsesión”, apuntou o presidente.

Gallástegui, cunha sólida formación internacional en xenética, desenvolveu o seu labor científico nos laboratorios do Hórreo e nunha pequena leira de apenas media hectárea ao seu carón. Esta modesta infraestrutura converteuse “na primeira de España e a segunda de Europa en traballar na hibridación de cereais”, ámbito onde o xenetista rexistrou un dos seus principais logros.

Tamen destacou a necesidade de celebrar “nunha sociedade como a nosa, tan dada a esquecer o seu pasado.

15 jul 2021 / 20:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.