Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Chega a Ourense a mostra da Ragba ‘Facer camiño’

Ata o 29 de decembro poderanse ver vinte e tres pezas orixinais
de pintura, escultura e fotografía de académicos desta institución

A Real Academia Galega de Belas Artes inaugura hoxe a exposición artística itinerante Facer camiño na Biblioteca Municipal de Ourense (rúa Canle s/n) ás 19.00 horas, en colaboración coa Xunta de Galicia. Ao acto asistirá a arquiveira- bibliotecaria da Real Academia Galega de Belas Artes, María Victoria Carballo-Calero Ramos.

Facer camiño é unha mostra na que se asocia a arte co Camiño de Santiago. Percorrerá as sete grandes cidades galegas e as vilas de Cee, Tui e Mondoñedo, concellos asociados ao territorio histórico das rutas xacobeas.

A comisaria da exposición e académica da sección de Expertos nas Artes, Asunta Rodríguez, realizou unha selección de 23 pezas que inclúen pinturas, esculturas e fotografías de diversos académicos e artistas galegos.

En concreto, esta exposición acolle obras de Manuel Buciños, Acisclo Manzano, Rafael Úbeda, Manolo Paz, Manuel Quintana Martelo, Din Matamoro, Menchu Lamas, Ignacio Basallo, Xurxo Lobato, Miguel Anxo Prado, Soledad Penalta e Xosé Díaz. Estes artistas visuais abren os seus mundos e reflexionan desde o proceso creativo cal é o seu modo de facer camiño. A mostra poderase visitar na Biblioteca Municipal de Ourense ata o 29 de decembro.

CONFERENCIA. Ademais, mañá tamén terá lugar tamén na biblioteca, ás 20.00 horas, unha conferencia encadrada no ciclo Facer camiño, complemento da exposición itinerante de mesmo nome, coordinada pola Real Academia Galega de Belas Artes coa colaboración da Xunta de Galicia.

O tema a tratar será Apuntes históricos sobre o antigo convento e cuartel de San Francisco. Ourense, conferencia impartida polo arquitecto e académico da Real Academia Galega de Belas Artes, Xosé Manuel Casabella López.

A charla estará presentada pola historiadora da arte e arquiveira- bibliotecaria e académica da Ragba María Victoria Carballo-Calero Ramos, que tamén participará nun coloquio que terá lugar ao final da conferencia. Seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias pola COVID-19, a capacidade do acto estará limitada a vinte persoas.

traxectoria
membro de número

Arquitectura e arte. Obtivo o título de arquitecto en 1967 pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona onde en 1971 inicia a súa carreira como docente. En 1973 formou parte do equipo fundador da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Foi director do departamento de Proxectos e Urbanismo e dende 2005 é o director da Etsac. É membro da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario como académico numerario da Sección de Arquitectura dende o 29 de maio de 2010. Foi premiado en numerosas ocasións.

02 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.