Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 06 febrero 2023
21:24
h

Chega á TVG ‘María Casares. A muller que viviu mil vidas’

É un documental de Xavier Villaverde que se presentou na Seminci // Hai uns días se estreou en pantalla grande no Teatro Colón da Coruña

A Televisión de Galicia ofrece esta noite (23.10 h.) o filme documental de Xavier Villaverde María Casares. A muller que viviu mil vidas, que se presentou na Seminci e que hai uns días se estreou en pantalla grande na Coruña (Teatro Colón), coincidindo co centenario do nacemento desta muller tan fascinante como descoñecida para moitos.

Con esta produción, Villaverde, director de películas como Fisterra, Continental e Trece badaladas, achégase de xeito íntimo e profundo a unha muller extraordinaria cuxa vida quedou marcada pola Guerra Civil e o exilio a Francia, onde acabou converténdose nunha das actrices máis aclamadas do cine e do teatro.

O documental pretende ser tamén unha homenaxe desde a súa Galicia natal, que nunca esqueceu, a unha figura cegadora, magnética e fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX. Con este proxecto preténdese recuperar e reivindicar a figura da actriz coruñesa, achegándolles aos espectadores a súa vida e o seu legado con sinceridade e rigor.

Cando en 1936, con 13 anos, María Casares fuxiu coa súa nai da Guerra Civil Española e cruzou a fronteira dos Pireneos camiño do exilio, non imaxinaba que ía converterse nunha das actrices máis aclamadas do cinema e do teatro francés nunha época en que Francia era a meca cultural do mundo. Intérprete camaleónica, esixente, inconformista e cun sentido da aventura constante, María alcanzou case todo na súa vida, no teatro e no cinema. Foi unha loitadora infatigable pola súa liberdade como muller e viviu un profundo compromiso político coa España exiliada durante a ditadura franquista, sen renunciar á súa nacionalidade española.

A súa carreira como actriz foi unha aposta permanente polo risco creativo, polas novas linguaxes escénicas e por autores noveis aos que apoiou incondicionalmente co poder que o seu nome representaba. Casares, falecida en 1996, era monstro incansable da escena, obsesionada coa procura permanente de personaxes e propostas teatrais audaces e polémicas, para sorprender e descolocar continuamente un público e unha crítica que a amaron profundamente e que a converteron nun mito.

‘A REVISTA’. O espazo A Revista achegarase este luns á dexeneración macular asociada á idade, unha enfermidade dexenerativa da mácula que é a causa máis frecuente da diminución progresiva da visión central e que en España afecta ao 13 % das persoas maiores de 60 anos. Para afondar neste tema, estará no programa o oftalmólogo Francisco Gómez-Ulla.

Por outro lado, o programa contará coa presenza da escritora Carmen Posadas, que escolleu para a súa nova novela, Licencia para espiar, a fascinante historia de mulleres que, ao longo da historia e desde a noite dos tempos, se dedicaron aos labores de espionaxe. Tras realizar unha investigación minuciosa, Posadas compón un relato apaixonante e sumamente entretido das peripecias dalgunhas destas mulleres, que, sen dúbida, merecen un lugar destacado na historia.

‘ZIGZAG’. O espazo da G2 Zigzag recibirá este luns a visita de Sés, que vén presentar o seu novo disco. Diante un eco é o oitavo traballo dunha cantante que leva unha extraordinaria carreira de once anos, que a consolida como un dos principais referentes da escena musical en Galicia. A artista coruñesa mantén o seu espírito crítico con este novo traballo, que viu a luz o venres pasado.

28 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.