Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Chourizos

    Nunha moi pavera historia de España (Una historia de España, Debolsillo, 2022), di Arturo Pérez Reverte: “Foses cántabro, astur, bastetano, mastieno, ilerxete ou o que se terciara, que che foran ben as cousas era abondo para xuntárense unha porción de tribos ás que lle caías mal e te pasaran pola pedra, ou polo bronce, ou polo ferro, segundo a época histórica. Envexa e mala leite eran marca da terra, xa daquela”. Pódese dicir máis alto pero non máis claro. Celtas e íberos, lusitanos e romanos, suevos e visigodos, mouros e cristiáns, roxos e nacionalistas, euskaldunes e maketos, indepes e botiflers... dende que os fenicios nos bautizaron Terra de coellos (Ishapan), levamos séculos zurrándonos a badana uns aos outros moi ao noso sabor e non semella, polas trazas, que a cousa teña visos de mudar. Eu creo que os nacionalismos en España teñen unha base máis gástrica que ideolóxica, malia que logo veñan os teóricos da historia e da ciencia política a dar a chapa con sesudas análises que, cando menos, lles sirven para aseguraren as lentellas. Ser catalán ou vasco é, de raíz e sen que isto teña discusión, infinitamente mellor que ter nacido en Cogolludo, provincia de Guadalajara, ou en Cuntis, de baños famosos.

    A envexa, a desconfianza do alleo, o mirármonos mal sistematicamente uns aos outros, sen que este mal endémico e secular atope explicación definitiva, é, como di don Arturo, marca da terra. Un mal que, do meu punto de vista, leva anexado un vicio social aínda peor, un vicio que se resume moi graficamente nun proverbio neta e caracteristicamente hispánico: maricón el último. Para que alongar innecesariamente o camiño do éxito ou do pastizal se, con botarlle jeta e ser un sinvergonza (unha condición para que non fan falta estudos nin preparación previa), podo acceder en cero-coma á “saca”? Roldán, Pokemon, Púnica, Chaves, Camps, Granados, Conde, Griñán, Bárcenas, Rato, Correa, Zarrías, Gürtel... son a xeito de emblemas que orlan a heráldica contemporánea da vella terra dos coellos. A elenco tan selecto de ladróns e espabilaos veuse unir recentemente o novo e estelar dúo dinámico, un par de pillos dixo non sei quen, que, nunha natural evolución das técnicas da trapacería, inauguran unha nova xeración de bandoleiros; dous tipos con apelidos de parella cómica (Luceño & Medina) que, en quince días de conspiración cun corsario de Malaisia, de nome San Chin Choon (mellor sería Chou-ri-zo), meteron no peto unha cantidade tan indecente de diñeiro que nin os tintes de astracán da historia toda edulcoran unha ausencia de principios éticos tan absoluta. Dicía Camba que a envexa do español non é desexar un coche mellor que o do veciño senón que o veciño non teña coche. Eu pregúntome cantos dos españois que se indignan cos ladroízos deste par de camándulas non senten ese puntiño de envexa (ou, mesmo, de íntima admiración) ante o que, no fondo, consideran unha valente ousadía, da que eles carecen, para encher o peto dun día para outro nun país, no que, a fin de contas, rouba todo dios. A corrupción, a compulsiva tendencia a ir ao caixón á primeira de turno é, como a tortilla de patacas ou a bicha de Bazalote, un patrimonio de todos, sen cor política nin social, un patrimonio construído coa suor e o sufrimento de moitos, que é a nosa obriga coidar e conservar para as xeracións futuras.

    07 may 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.