Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Comeza en Galicia a rodaxe de ‘13 exorcismos’, con gran parte do seu equipo galego

As produtoras Bambú, Atresmedia Cine e Mr Fields & Friends realizarán un gasto na nosa comunidade de 1,75 millóns de euros

O equipo da película 13 exorcismos atópase xa en Galicia para iniciar este mércores a súa rodaxe, que concentrará a meirande parte das localizacións en Ourense.

A Xunta impulsa a filmación desta longametraxe de terror cunha subvención de 350.000 euros a través do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un dos grandes proxectos da Consellería de Cultura para o trienio 2021-2023.

Este investimento público implica, á súa vez, un compromiso de gasto de 1,75 millóns na comunidade por parte das empresas implicadas.

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturas, Jacobo Sutil, quen participou na presentación desta nova produción galega, encabezada pola compañía Bambú Producciones xunto con Atresmedia Cine e Mr Fields & Friends.

Ademais de Sutil, interviñeron no acto Ramón Campos, cofundador de Bambú e produtor executivo de 13 Exorcismos, e os actores Ruth Díaz e Urko Olazabal, premio á mellor interpretación masculina de reparto na pasada edición dos Goya. Ambos protagonizan o filme xunto a María Romanillos e Pablo Revuelta.

Na súa intervención, Ramón Campos cualificou o filme como a grande aposta de Bambú polo xénero da longametraxe de ficción para este ano, e expresou o seu contento e ilusión polas oportunidades para o audiovisual que se están brindando en Galicia. Neste sentido, indicou que os títulos galegos están cada vez máis presentes nas televisións nacionais e internacionais, “e iso é grazas a apostas como esta da Xunta”.

Ademais da cidade de Ourense e doutros puntos da provincia, o equipo tamén traballará en Ordes, onde recreará a casa familiar desta historia de terror, para a que os seus creadores se inspiraron no último caso de exorcismo documentado en España, no ano 2014.

Xunto con esta rodaxe cen por cen galega, o proxecto conta cunha ampla nómina de profesionais do país, que encabeza o director do filme, o coruñés Jacobo Martínez, recoñecido por ser o responsable de fotografía de series como Gran Hotel, Velvet ou Gran reserva, e que asume en 13 exorcismos a súa segunda dirección audiovisual despois da realizada para Jaguar.

Tamén forman parte do equipo galego a directora de produción, Tamara Soto; a xefa de perruquería, Mara Collazo, ou os propios produtores executivos, Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Sara Gonzalo, e varios membros do elenco interpretativo, como Cristina Castaño, e arredor de 350 figurantes.

13 exorcismos é un dos catro proxectos subvencionados a partir da primeira convocatoria do fondo de atracción de rodaxes, dotada con dous millóns e coa que o Hub Audiovisual da Xunta botaba a andar en setembro de 2021.

Rapa e Argonautas, de Portocabo, e Hasta el cielo, de Vaca Films, son os outros títulos adxudicatarios desta liña de apoio, que terá continuidade cunha segunda publicación pola mesma contía.

Programa de apoio sen precedentes para garantir a estabilidade do sector
Terá un investimento de 9,6 millóns para a súa recuperación ata
o próximo exercicio

Santiago. O Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta de Galicia está a supoñer un programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector en Galicia, que se traducirá nun investimento de 9,6 millóns de euros ata o próximo exercicio, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea aos efectos derivados da crise provocada pola pandemia do coronavirus.

Ademais deste incentivo para converter a nosa comunidade nun escenario habitual de todo tipo de rodaxes cinematográficas e televisivas, xa están en marcha outras importantes accións ao abeiro do Hub Audiovisual, como é o caso das axudas para o desenvolvemento de grupos de proxectos audiovisuais ou o polo de aceleración do sector dos videoxogos na comunidade autónoma.

Iniciativas ás que se irán sumando proximamente outras propostas dentro deste ámbito como a creación dun fondo para o desenvolvemento de proxectos de videoxogos, a apertura dunha liña específica para impulsar o talento musical, o desenvolvemento da plataforma Galicia Film Commission ou a constutición dun fondo transversal para o conxunto da industria cultural. redacción

19 abr 2022 / 17:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.