Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Comeza o proceso para a renovación do plenario do CCG

O procedemento terá lugar ata o mes de abril e, en xullo, afrontarase a remuda na presidencia

O Consello da Cultura Galega iniciou este martes o proceso de renovación do seu plenario. Tal e como fixa a lexislación que rexe a institución, a remuda terá lugar por metades. Isto suporá a entrada de novas personalidades na institución, xa que hai membros que levan dúas lexislaturas, tempo máximo de permanencia.

O proceso de renovación de membros electivos (recoñecidos polos seus méritos) e representativos (designados polas entidades que, por lei, compoñen a institución) desenvolverase entre os meses de xaneiro e abril.

Despois procederase á renovación da presidencia, que se realizará no mes de xullo. Cada unha das renovacións terá lugar na correspondente sesión plenaria.

Por outra parte, e polo que se refire ás actividades levadas a cabo o pasado ano, programáronse 87 en interacción con públicos. O 78 % das actuacións foron presenciais e o 24 % realizáronse fóra da sede institucional, á procura da cohesión territorial que Rosario Álvarez indicou ao inicio do seu mandato.

No apartado expositivo, o CCG arrincou o ano coa mostra Afonso X e Galicia, que explorou a conexión galega do Rei Sabio no oitocentos aniversario no seu nacemento. A exposición, que contou coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta, a USC e a Deputación de Lugo, inaugurouse en Santiago, viaxou a Ourense e rematou o ano en Lugo, onde estará ata abril.

Houbo 9 itinerancias doutras seis mostras. Editáronse 18 publicacións e continuouse na incorporación á mediateca de publicacións impresas do fondo histórico.

Realizáronse 45 informes de diferente tipo. O Observatorio da Cultura Galega analizou o impacto no sector trala covid-19 en dous barómetros, estudou a importancia das bandas populares e publicara no mes de novembro unha nova conxuntura estatística de ámbito cultural. A nivel patrimonial, acometeu o informe sobre o topónimo Ría de Ribadeo; sobre o impacto na paisaxe cultural da instalación de parques eólicos; 4 informes para a declaración de Ben de Interese Cultural (desde a Casa de Cornide, Adro Vello, a biblioteca de Pardo Bazán ata o posible traslado das estatuas mateanas do Pazo de Meirás) e 28 de impacto ambiental.

Por outra parte, a presidenta avanzou a actividade da institución para este ano.

Unha das actividades máis destacadas terá lugar en febreiro, cando se entreguen as Medallas do Consello da Cultura Galega, a Luis García Montero e a Helena González polo seu traballo en prol da promoción da lingua e cultura galega no exterior.

Foron creadas en 2018 para recoñecer a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de xeito especial nos servizos prestados ao CCG ou á cultura galega en xeral. Este recoñecemento pretende situar a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o gran peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea.

Este ano poñerase o foco nos momentos previos á aprobación do Estatuto de Autonomía. Esa liña de traballo, titulada A forxa da autonomía, pretende facer análise e memoria dos diferentes sectores que transformaron a sociedade e a cultura galega nese período. Unha crónica sonora da transición en formato podcast e xornadas arredor dos inicios da industria musical son algunhas das actividades previstas.

A cultura marítima é outro dos eixes sobre os que pivotará a acción do CCG, que organizará varias xornadas para recuperar o patrimonio inmaterial marítimo.

No marco desta liña de traballo inaugurarase unha exposición que documentará as últimas viaxes transatlánticas cara ao Reino Unido.

Haberá accións en materia de igualdade e inclusión.

Neste trimestre tamén se poñerá en marcha o novo Programa de Acción Exterior elaborado pola Comisión de Relacións institucionais e Acción exterior (Criae) que coordina Xulio Ríos.

11 ene 2022 / 20:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.