Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 03 diciembre 2021
14:00
h

Comeza o seu percorrido a mostra sobre Xela Arias

A exposición, que visitará once concellos galegos durante este ano, foi inaugurada na compostelá Biblioteca Ánxel Casal

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, xunto co presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, inauguraron onte na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago a mostra Xela Arias. Asinamos ser libres, a exposición itinerante que achegará a figura da homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas a once concellos de toda Galicia.

Trátase dunha iniciativa enmarcada na programación desenvolta pola Xunta en colaboración coas principais institucións culturais do país con motivo desta data.

A mostra promovida polo Goberno galego está comisariada pola profesora e biógrafa de Xela Arias, María Xesús Nogueira, quen deseñou un proxecto composto por 10 paneis que, tal e como salientou o titular de Cultura, “fai un repaso por todas as vertentes profesionais da autora difundindo detalles da súa vida, obra e contexto histórico no que viviu”.

Así, tras o seu paso por Santiago de Compostela, a mostra chegará, antes de que remate o verán, a Vigo, Sarria (Lugo), Pontevedra, Amoeiro (Ourense), Outes (A Coruña) e Lugo.

A itinerancia continuará nos meses de outono e inverno na Coruña, Ourense, Boiro (A Coruña) e Celanova (Ourense). Un total de once concellos que contarán cunha visión “ampla e completa do enorme legado de Xela Arias, unha muller pioneira, moderna, transgresora, comprometida, feminista e precursora que rompeu moldes nas nosas letras cunha linguaxe poética urbana, vangardista e anovadora”, precisou Román Rodríguez.

Accións. O representante autonómico explicou que a exposición Xela Arias. Asinamos ser libres forma parte da “extensa e ampla programación que desenvolvemos desde a Xunta da man das principais institucións e axentes culturais do país para celebrar o Día das Letras Galegas”. Tal e como detallou, trátase dun programa que recolle máis de medio centenar de accións presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros.

Concretamente, froito dun traballo colaborativo entre as institucións e a familia da autora, as actividades que xa están en marcha para homenaxear a Xela Arias abranguen multitude de iniciativas de participación social e cultural, de fomento da igualdade e da integración, así como accións musicais e actividades no ensino, nos concellos e no exterior.

10 may 2021 / 18:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.