Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Como en Irlanda

Xavier R. Madriñán presenta un documentado estudo sobre o espello irlandés en Galicia

Desde a conformación na Galicia moderna da primeira conciencia rexional, o referente irlandés estivo presente. Daquela xeira, a mediados do século XIX, pola (relativa) común condición da falla de acceso da poboación labrega á propiedade da terra. A evolución do papel especular da illa esmeralda nas elites galegas ven de ser analizada polo catedrático Xavier R. Madriñán nun documentadísimo traballo, A figuración galega de Irlanda (1840-1936) (Laiovento).

Ao longo deste período o pensamento galeguista foi acomodando os referentes segundo cadansúa evolución nos dous países. Pero así como a situación social irlandesa era verdadeiramente miserenta pola arbitrariedade dos propietarios da terra (británicos), o réxime de foros da agricultura galega -malia resultar oneroso- estaba regulado desde a Idade Media. A circunstancia que afectaba aos agros irlandés e galego -especialmente a transmisión dividida dos foros entre os descendentes- foi vista como unha expresión dunha suposta cultura celta a prol dunha propiedade colectiva. En calquera caso, supuña evitar unha acumulación de capitais e, en consecuencia, condenaba a propietarios e aforados a non saír do círculo vicioso. Se a iso engadimos unha alta demografía, entenderemos que pasasen a seren terras de emigración. E nesa identificación de Galicia con Irlanda o papel de Murguía e de Brañas foi decisivo.

Cando Irlanda comezou a loitar pola autonomía, tal propósito non foi posible ata a chegada dos liberais ao goberno de Londres, se ben tiveron que aturar a resistencia da cámara dos lores. Coincidiu que o galeguismo como expresión política comezou a súa andaina coa sublevación armada do sector radical dos nacionalistas irlandeses en 1916. O profesor Madriñán estuda con detalle o impacto que este feito e mais a represión británica que seguiu tivo nos galeguistas e na súa doutrina, expresada primeiro en A Nosa Terra e, desde 1920, tamén en Nós.

Houbo daquela -sen apenas información directa- un mimetismo por parte de boa parte do galeguismo, ata o punto de que as divisións que apareceron no seo dos sinn feiners -xa non digamos entre estes e o resto da sociedade irlandesa- foron replicadas, nin que fose verbalmente, polos nacionalistas galegos. Alén da simpatía que acordaba a loita dos irlandeses pola súa liberdade nacional, desde Galicia tal filia víase reforzada pola suposta condición común de pobos celtas (sen esquecer a dimensión católica fronte aos dominadores anglicanos). A publicidade a prol de Irlanda servía de reforzo para un galeguismo incipiente que, cómpre recoñecelo, estaba a anos luz das aspiracións da sociedade irlandesa.

Coa consecución do Estado Libre -e a conseguinte partición da illa- e a posterior guerra civil motivada pola intransixencia de Éamon de Valera, o galeguismo quedou desconcertado, sen saber que facer cos argumentos irredentistas dos republicanos fronte ao pragmatismo dos que aceptaron a nova situación que, en calquera caso, eliminaba a guerra e mais a represión. Desconcerto que coincidiu coa debilidade do galeguismo cando Primo de Rivera impuxo a ditadura en 1923, réxime que contou cunha primeira simpatía dunha parte dos nacionalistas galegos en tanto en canto podería supoñer a desaparición do sistema de foros e do caciquismo.

Apenas houbo despois referencias significativas á situación irlandesa e menos aínda perante o risco de querer seren, desde Galicia, máis papistas que o Papa, tendo en conta amais que o IRA residual comezou unha campaña de atentados contra o goberno irlandés.

O único eco que podemos salientar foron os artigos publicados por Vicente Risco en Nós en 1926 sobre literatura irlandesa, que foron acompañados por uns anacos da novela Ulises, de Joyce, postos en galego por Otero Pedrayo. Operación que culminou co conto Dédalus en Compostela, de Risco, aparecido en Nós en xullo de 1929 non por casualidade, no cal o ourensán redimía ao escritor irlandés da súa suposta apostasía verbo da causa irlandesa.

Tal operación, no seu conxunto, non foi inocente e no estudo de Xavier R. Madriñán atopamos en falla algunha referencia ás circunstancias nas que se produciu (verbo da cal hai uns cantos estudos): como chegaron a Ourense o libriño de Simone Téry e o exemplar de Ulises, e como Risco “fusilou” e manipulou o primeiro para o seu traballo. Máis aínda cando tal operación non tiña outro motivo que a envexa que experimentaba verbo do irlandés.

Malia esta circunstancia, este estudo ven de encher un baleiro na historia do galeguismo e da súa teima permanente por Irlanda, que modernamente colleu corpo no mito da música celta.

Joaquim Ventura

13 nov 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito