Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

ConCiencia retoma a súa actividade co Nobel MacMillan

Jorge Mira dirixe o programa de divulgación científica da USC e do Consorcio de Santiago

O Premio Nobel de Química 2021 David W.C. MacMillan visitará Compostela a fins de marzo no marco do programa ConCiencia, unha iniciativa da USC e do Consorcio de Santiago dirixida polo catedrático Jorge Mira que quere servir de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica mundial —nomeadamente, premios Nobel— e o persoal investigador da USC.

Así, na súa estadía en Santiago, David W.C. MacMillan pronunciará diferentes relatorios, intervirá do programa de actividades 100 anos de estudos en Química, así como no décimo aniversario do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS).

A traxectoria científica de David MacMillan destaca polos seus achados no eido da organocatálise asimétrica, baseada en pequenas moléculas orgánicas. A capacidade para fabricar moléculas é fundamental no progreso da humanidade. Para iso son claves os chamados catalizadores, sustancias que controlan e aceleran as reaccións químicas, sen ser parte do produto final.

Por exemplo, nos coches transforman as sustancias tóxicas do tubo de escape en moléculas inofensivas. O corpo humano tamén contén miles de catalizadores que regulan a formación das moléculas necesarias para a vida. Durante moito tempo pensouse que só había dous tipos de catalizadores, ata que David MacMillan e Benjamin List descubriron a terceira vía da organocatálise asimétrica, temática na que MacMillan afondará durante a súa estadía en Compostela.

Grazas á organocatálise asimétrica convértense determinadas sustancias químicas en produtos moito máis valiosos, dunha forma medioambientalmente sostible e económica, algo de enorme relevancia a nivel industrial, sobre todo no eido farmacéutico.

Parón pola pandemia. O programa ConCiencia viuse na obriga de interromper a súa actividade por mor da pandemia da covid-19. Así, o último premio Nobel que visitou Compostela foi Tomas Lindahl no mes de novembro do ano 2019.

A situación de emerxencia sanitaria implicou a cancelación das visitas que xa estaban programadas naquela altura. Este foi o caso de Kip Thorne, Frances Arnold e Fraser Stoddart.

03 mar 2022 / 18:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.