Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Conmemora a XII Festa da Palabra o centenario de ‘Nós’

Manuel Baltar e González Tosar presentaron onte as actividades deste evento que se celebrará o domingo na Insua dos Poetas

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Fundación Insua dos Poeta, Luis González Tosar, presentaron onte no Pazo Provincial a XII edición da Festa da Palabra, un evento que se celebrará o vindeiro domingo, 19 de xullo, na Insua dos Poetas, na Esgueva, Madarnás (O Carballiño).

No acto, que comezará ás 12.00 horas, conmemórase este ano o centenario da revista Nós (1920-2020) e presentarase o libro Camiño de Nós. Ademais da habitual entrega de premios Insua dos Poetas, terá lugar a actuación de Son Trío; ás 14.00 horas celebrarase a romaxe literaria, coa actuación de Airiños de Caldelas, e ás 18.00 horas actuará o grupo folk Tor, que presentará o seu novo disco.

Manuel Baltar destacou que a Festa da Palabra “é un dos eventos culturais máis importantes dos que se celebran en Galicia”, e que este ano conmemora unha singular efeméride, “o centenario da revista Nós, que alumeou á xeración Nós, o berce do pensamento político galeguista, e por esta razón, serán benvidas todas as homenaxes que fagamos aos persoeiros que fixeron patria; de feito nesta edición, na Insua, estreamos o Auditorio Nós, no que mesturaremos novamente cultura e música”, afirmou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial salientou que esta “é a primeira activade cultural que organizamos poscoronavirus, para a cal se manterán todas as medidas de seguridade e sanitarias”; un evento no que “reivindicamos esta nación cultural que é Galicia e posicionamos a Ourense desde a Insua dos Poetas, como un faro que guíe o desenvolvemento cultural, a aposta pola esencia da nosa cultura, a través do magnífico labor que vén desenvolvendo Luis Gónzález Tosar”, expresou Baltar, quen considera que achegarse á Insua dos Poetas “é estar nun parque temático da nosa cultura, onde as esculturas falan por si mesmas, onde hai homenaxes constantes, e se deixa a pegada para as vindeiras xeracións desa identidade con Galicia que ten na Insua unha capital referencial”.

Luis González Tosar destacou que o evento que se vai celebrar este domingo poderíase titular “Tódalas forzas do espírito están connosco”, en referencia ao artigo Saúde e terra, do primeiro número da revista Nós, editada o 30 de outubro de 1920. “Será un acto para pór en valor o legado de persoas como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Otero Pedrayo e outros destacados intelectuais ourensáns daquela época”.

13 jul 2020 / 19:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.