Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Conmemórase hoxe o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán

Especialistas, docentes, alumnos e guías participan nunha lectura de textos da autora

A Coruña. Hoxe conmemórase o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, unha efeméride que marca o comezo dunha programación organizada pola Real Academia Galega (RAG) e a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán que se estenderá durante todo o ano.

A actividade central, a celebración do Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois, terá lugar a finais de outubro, cadrando coa chegada á Coruña da exposición Emilia Pardo Bazán. El reto de la modernidad, na que a RAG participa achegando case un terzo das pezas.

Pero a institución que preserva boa parte do legado da escritora tamén a recorda hoxe no día do seu cabodano cunha lectura colectiva da súa obra na que especialistas na súa figura e literatura ou docentes compartirán protagonismo cun grupo de nenos e nenas do CEIP Emilia Pardo Bazán. O acto poderá seguirse en directo dende a canle de Youtube da RAG.

A homenaxe comeza ás 11. 00 horas no salón de actos da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) e concluirá coa entrega dos premios do I Certame de relato breve A Erbeda, organizado pola asociación de veciños Os nosos lares de Palavea e que conta coa colaboración da Academia. O concurso recupera o topónimo literario que Pardo Bazán lle deu a este barrio coruñés e réndelle tamén homenaxe á autora, que dominou con mestría a arte dos contos curtos.

A lectura colectiva incluirá fragmentos de relatos como El encaje roto, novelas como Memorias de un solterón e La tribuna, de artigos ou de correspondencia que a autora lle enviou a Benito Pérez Galdós. A escolma pretende amosar a variedade de rexistros que Emilia Pardo Bazán cultivou ao longo da súa vida como creadora literaria e como intelectual crítica coa realidade social do seu tempo.

O acto comeza cunha lectura a cargo do presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes e o concelleiro José Manuel Lage Tuñas en representación do Concello da Coruña, institución coa que a RAG está a coorganizar o ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo.

Tamén participarán a académica Marilar Aleixandre, a conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso, o editor Eduardo Riestra, a profesora da Universidade da Coruña especialista en estudos de xénero Antía Pérez Caramés, a profesora do IES Otero Pedrayo Begoña Valdés Rodríguez e membros de Guías de Galicia.

DE MADRID ao CEO. Fai xusto cen anos que faleceu en Madrid, tamén durante unha pandemia, a escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán, cuxos restos descansan nunha cripta no centro da capital a pesar de que lle gustase que a enterrasen nas súas queridas Torres de Meirás, onde o seu legado pervivirá entre os usos que terá esta propiedade pública.

Dona Emilia, como a chaman os seus estudosos e admiradores, morreu en tres días. A gripe sobreveuna nunha das primeiras ondas tardías daquela pandemia un domingo na súa casa. Non había antibióticos, nin tampouco vacúas, rememorou o catedrático de Literatura Comparada da Universidade da Coruña (UDC) José María Paz Gago.

Non morreu de diabetes, como din algúns biógrafos, senón deste virus gripal do tipo A “moi agresivo” que lle atacou o cerebro e “levoulla en tres días” na súa casa de Madrid, na rúa Princesa, moi preto de onde está hoxe a súa estatua.

Como con todo o demais, dona Emilia tamén escribiu sobre o seu final. Deixou instrucións “precisas” acerca de onde e como quería ser enterrada e despedida, unha cerimonia “moi sinxela”. Non quixo coroas de flores nin que asistisen autoridades políticas á súa despedida, “aí demostra a súa grandeza”, pero si o fixeron e “envorcáronse co seu enterro” no panteón familiar que está na cripta da Igrexa da Concepción da rúa Goya de Madrid. ECG/Elizabeth López

11 may 2021 / 18:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.