Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 28 septiembre 2021
02:49
h

Consellos para reducir o desperdicio alimentario no fogar

Un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano desperdícianse; esta porcentaxe tradúcese, no caso de España, en 7,7 millóns de toneladas, posicionándose como o sétimo país da UE que máis comida refuga, correspondendo o 42% aos propios fogares.

Ante esta situación, Sogama lanzou unha campaña para lembrar que o desperdicio alimentario, ademais de traer consigo un negativo impacto a nivel económico e social, tamén supón un grave impacto ambiental. Dentro de esta acción da a coñecer unha serie de consellos que axudarían a loitar contra esa situación:

1. Non compres por impulsos. Planifica o teu menú semanal antes de ir á compra e adquire só os produtos necesarios para preparalo.

2. Comproba con frecuencia o contido do frigorífico e da despensa. Reorganiza os alimentos para consumir antes os que van caducar ou a estragarse en breve.

3. Identifica e distingue a data de caducidade (a partir da cal o alimento pode supoñer un risco para a nosa saúde) da data de consumo preferente (o alimento perde cualidades, pero non supón unha ameaza).

4. Dá preferencia aos produtos frescos e de proximidade. Así contribuirás a reducir a pegada ambiental.

5. As promocións, packs e agasallos poden facerche comprar artigos innecesarios ou cantidades excesivas.

6. Compara o prezo por unidade, litro ou peso dos produtos, non o que indica a etiqueta.

7. Non vaias con fame a facer a compra, xa que che pode levar a tomar decisións impulsivas e non baseadas nas túas necesidades.

8. Non escollas os produtos frescos baseándote na súa aparencia estética. Selecciónaos seguindo o calendario de produtos de tempada e a súa proximidade.

9. Comprar en comercio local garante un trato moito máis próximo, o impulso da economía da nosa contorna e o consello persoal do profesional no punto de venda.

10. Axusta as racións ao número de comensais e, se sobra comida que non vas poder consumir, repártea entre os invitados.

11. Conxela os alimentos antes de que se estraguen e aproveita os sobrantes para elaborar novas receitas.

12. Se vas a un restaurante, pide a comida que sobre para levar a casa.

13. Se dispós de horta ou xardín, os restos orgánicos non comestibles poden transformarse en abono natural con extraordinarias propiedades para o solo.

14 sep 2021 / 17:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito