Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Conta atrás para a Ourense ICC Week, semente e alicerce da cultura en toda a provincia

Manuel Baltar asegura que este evento, que terá lugar entre o 22 e o 29 de abril, “é de todos, e por iso triunfa e medra cada edición”

A oitava edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense, a Ourense ICC Week, organizada pola Deputación de Ourense, xa está lista. A partir do 22 de abril e ata o 29 de abril ofrecerá aos ourensáns sete días cheos de “creatividade, futurismo e vangarda coa presenza de nomes de gran relevancia que xa están máis cerca da provincia que, agora xa si, é de alta velocidade”, destacou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que agradeceu ao coordinador técnico da Ourense ICC Week, Juan Rivas, “a cantidade e a calidade dos relatores”.

Entre as novidades presentadas por Juan Rivas -quen manifestou “o orgullo de ter nesta oitava edición as mentes máis brillantes das industrias culturais e creativas”- atópase unha exposición única sobre a banda que desatou o fenómeno fan, Beatles, comisariada por Chema Ríos.

A inauguración será o luns 25 de abril, e contará cunha mesa redonda co músico e compositor Nicolás Pastoriza, Julio Ruiz, locutor de radio e o propio comisario. Tamén haberá música en directo cos Fabulosos Weekend.

Unha das actividades sen dúbida máis emotivas será a presenza do mítico Alpinche no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que fará ruxir de novo o seu motor.

“Entre as cousas que outorgan visibilidade a Ourense está, por exemplo, o cartaz deste ano, a imaxe elixida. Agradezo á Fundación Estanislao Reverter a súa participación no evento. Porque se falamos de industria cultural, de creatividade e de Ourense, nada mellor que o Alpinche, esa creación que fai xustiza a actividade deste pobo, deste Ourense que segue dando mostras para apostar por el”, destacou o presidente da Deputación na súa intervención.

A presentación desta icona ourensana será o martes, 26 de abril, coa participación de Luis Reverter, presidente da Fundación Estanislao Reverter, nunha mesa redonda na que estará acompañado polo xornalista e piloto Ricardo Muñoz, o copiloto do Alpinche José Luis Sala e o electricista e un dos creadores do Alpinche, José Luis Díaz.

Baltar destacou a presenza da Mobile Week na provincia de novo neste 2022 e lembrou que “este exercicio no que a Deputación cumpre 200 anos, temos patas moi importantes para asentar a política cultural como a ICC Week, o OUFF e a aposta polas rodaxes e a produción audiovisual como a recente creación da Ourense Film Commission e outras cuestións que formarán parte do calendario de actividades que farán que esta provincia sexa de alta velocidade”.

Aproveitou a data da presentación, Día Mundial da Saúde, para destacar que “agora que sabemos que o 20 de abril nos liberaremos dos cubrebocas mesmo nos interiores, convén subliñar que xa está todo preparado para que un dos pratos fortes desta edición o 23 de abril, o concerto dos Hombres G no Paco Paz, no que presentarán o último traballo despois dunha exitosa xira por Norteamérica na única actuación en Galicia, sexa seguro un éxito”.

Será un reencontro, despois de dous anos, nos que evidentemente a música en directo non tivo o que tiña, que é esa capacidade de chegar, de vivila de pé, por suposto sen mascarilla. Por iso que ese prato forte será un dos momentos estrela desta Ourense ICC Week”.

Antes, no mediodía desa xornada, Paco Martín, Charlie Sánchez e Paco Trinidad, tres dos grandes artífices de La Movida, falarán de Hombres G: do cumio da industria discográfica a icona pop dende a súa experiencia co grupo.

Manuel Baltar agradeceu na súa intervención “a aqueles que nos acompañaron dende o principio e que nos seguirán acompañando como o Grupo La Región, da man sempre de aquelo que da visibilidade a Ourense”.

E mostrou a súa satisfacción por que “a Ourense ICC Week é de todos, de Ourense e por esa razón triunfa e cada ano medra”.

Destacados relatores como Pedro Baños ou Laraudogoitia

Santiago. O coordinador técnico, Juan Rivas, avanzou entre os relatores o coronel e conferenciante Pedro Baños que o 27 abordará El poder: un estratega lee a Maquiavelo.

Na xornada das TIC estarán Yasmina Laraudogoitia, responsable de Relacións Institucionais de TikTok para España, que falará da Inspiración creativa impulsada pola comunidade de TikTok, e a xornalista tecnolóxica Marta del Amo, quen abordará as Tendencias nas Tecnoloxías da Información en 2022.

Pechará Ana Iris Simón, autora dun dos libros máis lidos no último ano, Feria.

O asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, dixo que “esta oitava edición é a máis longa, con máis actividades cada ano, máis repercusión e máis contido”. E falou da presenza ourensana a través da música, da homenaxe, dos deportes electrónicos, da actividade gastronómica no IES Vilamarín, do protagonismo da colección permanente de trens e do compromiso cos Rodolfo Prada á Xestión Cultural.

A técnica Susan Ramos detallou o programa dos eSports do 22 ao 24 de abril no pavillón do Colexio Mestre Vide, con competicións gratuítas, exposición de retro videoconsolas, música, ou a participación de oito pilotos destacados a nivel mundial. ecg

07 abr 2022 / 18:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.