Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Convite de Antón Cortizas para xogar ás adiviñas

O escritor Antón Cortizas (Ferrol, 1954) salienta polo achegamento á poesía infantil con poemarios que destacan pola súa orixinalidade, humor e aproveitamento da poesía de tradición oral, o denominado Cancioneiro Infantil, primeiro contacto que ten a nenez co xénero poético.

Se noutras publicacións se ten servido de composicións tradicionais como romances ou trabalinguas, agora ofrece con afán recompilatorio un volume que dedica ás adiviñas, como dá conta co seu título Adiviña esta adiviña, publicado por Galaxia na colección laranxa “Árbore”, dirixida ao lectorado autónomo a partir dos 8 anos, e que vén a enriquecer o corpus destes enxeñosos xogos literarios.

Iníciase cun prólogo no que xa xoga coas adiviñas para explicar as características deste subxénero, que fai uso dos xogos de palabras, e indicar o propósito que busca: gozar coa lectura.

Tamén describe a súa estrutura en sete apartados nos que ofrece 320 adiviñas, que clasifica seguindo criterios da fonte, do tema e do autor, recollendo adiviñas da tradición oral (127 composicións), tomadas de bibliografía (40), ao redor dunha escena (12), de cálculos matemáticos (14), da súa autoría (85), realizadas pola rapazada (44) e incluso un apartado en branco que convida a crear ao lector, unindo tradición con modernidade, nun proceso de recreación que reivindica.

Ademais o volume acolle os agradecementos ao alumnado e profesorado polas recollas realizadas e enriquécese coas solucións e cunha interesante bibliografía sobre as obras consultadas con criterio de investigador, que sobrepasa o carácter meramente divulgador. Tamén salienta o labor plástico de Pepa Prieto Puy, quen reta o lector ao ilustrar a solución das composicións poéticas, mais que ofrece descolocadas. Unha verdadeira xoia literaria coa que poden gozar e xogar xuntos maiores e pequenos!

m.fboo@udc.es

21 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.