Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Convocan a nova edición do certame de bandas emerxentes Sonidos Mans

Os grupos vencedores poderán gravar as súas pezas nos Estudios Mans da Coruña

Santiago. A Xunta e a Fundación Paideia colaboran nunha nova edición do concurso para músicos e bandas emerxentes Sonidos Mans, que abriu onte a súa convocatoria.

Trátase dunha iniciativa dirixida a artistas e grupos españois que non editasen nin distribuísen de xeito comercial, co obxectivo de facilitar a difusión do seu traballo coa súa inclusión na programación de espazos ou eventos musicais, ademais de gravar nos Estudios Mans. Este ano, ao igual que en 2020, as bandas gañadoras terán a oportunidade de tocar no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove.

Para participar no certame cómpre presentar un tema orixinal e inédito en letra e música a través da web www.sonidosmans.com ata as 12.00 horas do 27 de maio. Varios profesionais de recoñecido prestixio no sector musical seleccionarán os 25 mellores de entre todos os presentados. Deles, os cinco coa puntuación máis alta entrarán directamente na fase final e os vinte restantes serán sometidos á votación popular. A continuación, un xurado designado polos espazos ou eventos colaboradores designará os catro gañadores, que se darán a coñecer en xuño.

A elección do Náutico de San Vicente do Mar como emprazamento para as actuacións musicais das bandas gañadoras responde á incerteza xerada pola pandemia da COVID-19. O contexto derivado da crise sanitaria levou xa en 2020 a apostar por espazos con cabida reducida fronte á participación nos mellores festivais musicais de ámbito galego, como se facía anteriormente. A pesar deste cambio de concepto, o pasado ano Sonidos Mans acadou un récord de inscricións, cun total de 375 bandas de todo o Estado.

O concurso forma parte do acordo asinado entre a Fundación Paideia Galiza e a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), que abrangue tamén o ciclo de xornadas de industrias musicais Amplificando o directo: novos escenarios na contorna musical. redacción

07 may 2021 / 17:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.