Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Convocan a quinta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta

O obxectivo do certame é estimular a creación literaria e fomentar a lectura en lingua galega

Vila de Cruces. A Fundación Xosé Neira Vilas, co apoio do Concello de Vila de Cruces, acaba de convocar a quinta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, dirixida a obras inéditas escritas en lingua galega e destinadas a un público infantil e xuvenil.

O obxectivo deste certame é múltiple: estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega, así como proporcionar obras de calidade ao público infantil e xuvenil que lles permitan achegarse ao engaiolante mundo da novela.

Os traballos, cunha extensión de entre 50 e 150 páxinas, deberán presentarse en tripla copia e de xeito anónimo na sede da Fundación en Gres (Vila de Cruces). O prazo de recepción de orixinais remata o 9 de outubro deste ano e o galardón será entregado o 3 de novembro nun acto público coincidindo co Día de Neira Vilas, no que se conmemora o aniversario do nacemento do autor de Memorias dun neno labrego. O premio está dotado con 1.000 euros, suxeitos á retención fiscal correspondente, e a publicación do traballo seleccionado. O xurado resérvase a posibilidade de declarar deserto o certame e o seu ditame será inapelable. As bases completas están dispoñibles no seguinte enderezo web: http://neiravilas.gal/index.php/gl/

Diario de Brian, o chinés, de David Daniel Vázquez; O home de negro, de An Alfaya; Detrás dos perdidos, de Pedro Rielo, e Esca, de Antonio Piñeiro, foron os premiados nas anteriores edicións. ECG

07 jul 2020 / 20:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito