Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Corremundos’ vai a Finlandia para ver traballar a madeira

A necesidade de familias para os programas de acollemento de Cruz Vermella, asunto destacado no espacio ‘A Revista’

O programa Corremundos amosará este mércores como se traballa a madeira en terras nordicas, concretamente en Finlandia. O deseño e a fabricacion de mobles son tradicion alí, así que o espazo da TVG buscará unha carpintería para ver que tal o fan. E como boa materia prima en Galicia non falta, os espectadores verán a que proxectos se enfronta outro artesán do sector nun taller compostelan.

De volta en Helsinqui, Corremundos pasará o día na escola. A educacion constitúe un dos alicerces da sociedade finesa e chegou o momento de saber por que o seu sistema é un dos máis admirados. O programa tamen visitará un colexio en Sigueiro e investigará todo canto alí fan os alumnos. Cando soe o timbre do final das clases, comprobará se superaron o exame.

NON LLE CHAMES AMOR. Na edición deste mércores de Non lle chames amor, Raquel Graña e os seus convidados/as falarán de dificultades sexuais. ¿Cales son as máis comúns? ¿Quen son os que máis as sofren? ¿Como as afrontan as diferentes persoas? Para isto, a limusina do programa achegarase ata Mondoñedo, onde se dará unha visión moi interesante e persoal sobre o tema.

Así, a audiencia da Televisión de Galicia coñecerá hoxe a Alberto, zoqueiro de profesión, que ten un proxecto do máis sorprendente en que combina o sexo coa súa profesión.

Belén e Cielina, outras das protagonistas desta noite, son dúas amigas con moito feeling que abordan os cambios hormonais e sexuais dun xeito moi divertido. O programa falará tamén con Abraham, que asegura ter moita experiencia a nivel sexual e que vén disposto a falar de sexo sen límites.

A REVISTA. O programa A Revista falará este mércores de acollemento familiar. E é que Cruz Vermella precisa familias para acoller bebés e grupos de irmáns e preocupa tamén a falta de fogares para menores de seis anos. A pandemia deixou pegada no servizo de acollida de menores que xestiona esta ONG e reduciu as posibilidades de que estes pequenos que temporalmente tutela a Xunta poidan abandonar os centros e incorporarse a fogares dispostos a darlles unha contorna familiar mentres non volven coas súas familias biolóxicas ou son adoptados. Para tratar este tema, estará no estudio Sonia López, psicóloga do Programa de Acollemento Familiar de Ourense.

O espazo da TVG tamén recibirá a visita de Laura Vallejo, coñecida como influencer da motoserra, que, con máis de 30.000 seguidores en Instagram e 90.000 en TikTok, se converteu na cara máis atractiva para as marcas de motoserras, tractores e equipamento técnico.

Ademais, A Revista contactará con Juan Pedro Blanco, un mozo de 24 anos que hai dous meses colleu a súa bicicleta e saíu da súa casa de Brión para comezar un periplo por Europa sen ningún destino en concreto. Decidiu lanzarse á aventura dun día para outro, sen itinerario nin meta nin data de regreso. Pedalea sen GPS e leva xa 2.300 quilómetros ás súas costas que vai documentando nas redes sociais.

Os consellos de saúde e nutrición do doutor Manuel Viso e o repaso ás novas máis curiosas dos famosos da xornalista Ana Gayoso completan as propostas do programa de hoxe.

30 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.