Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Cos pés na terra’ ten hoxe unha cita cunha poeta nos Ancares

‘A revista’ conversará co pediatra Federico Martinón sobre a alerta polas infeccións de estreptococo A en nenos e nenas

O programa ‘Cos Pés na Terra’ ten hoxe unha cita con Andrea no seu recuncho do mundo, Os Ancares. Alí é onde ela atopa a inspiración en cada pequeno detalle que a rodea para escribir a súa poesía. Os espectadores da TVG coñecerán tamén a Suso e Pedro, dous produtores de shiitake, un cogomelo chegado do afastado Oriente para facer as delicias de todos aqueles que queiran innovar na cociña.

Ademais, ‘Cos Pés na Terra’ visitará a Gonzalo, un gandeiro amante das razas autóctonas galegas que ten conta de pitas de Mos, vacas cachenas, ovellas galegas e uns porcos celtas aos que as patacas non lles poden gustar máis.

A REVISTA. O aumento de casos de estreptococo A e as mortes de nenos e nenas relacionadas con esta bacteria están a crear unha alarma social que os expertos cren de momento inxustificada. O programa ‘A Revista’ falará hoxe deste asunto co jefe de Pediatría do CHUS, Federico Martinón, que explicará o contexto desta situación e as posibles causas, que os profesionais da saúde vinculan co contexto de crecemento viral e de infeccións que se están a producir tras a pandemia da covid-19.

O espazo da TVG tamén falará este luns de absentismo laboral. Segundo un estudio sobre comportamento laboral en España realizado recentemente, as ausencias inxustificadas no traballo concéntranse os venres e os luns, con índices moito maiores dos que se rexistran no resto de días da semana.

Outra das convidadas do programa será a adestradora Marga Rodríguez, unha das encargadas de dirixir o equipo Fundación Breogán na Minicopa Endesa, onde acadou o cuarto posto. Rodríguez fíxose viral pola mensaxe que lle dedicou a Iker Trillo, unha promesa do baloncesto que ten 13 anos e xoga no Burela. Deste asunto tamén falará o xornalista deportivo da TVG Terio Carrera.

Ademais, Loly Gómez conversará coa psiquiatra e psicoterapeuta Anabel González, experta en regulación de emocións, e coa actriz María Vázquez, unha das protagonistas de ‘O corpo aberto’, longametraxe de terror-folk que se estreou esta fin de semana. O filme narra a historia dun mestre que, a principios do século XX, recibe como primeiro destino unha pequena localidade da ‘raia seca’, na fronteira entre Galicia e Portugal.

ZIGZAG. Pilar G. Rego conta hoxe no estudo do ‘ZigZag’ con Suso Novás, director do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas. Conversarán sobre este encontro cinematográfico, orientado a difundir o talento emerxente. A edición número sete do certame celébrase entre os días 13 e 18 de decembro, tamén coa misión contribuír a promover a cidade do Lérez.

O cultural da G2 contará tamén con Marta Gómez para falar do novo traballo musical do grupo ourensán Tesouro e mais da colaboración entre Pauliña e Los Chicos del Maíz, que veñen de sacar conxuntamente o single ‘El país del miedo’.

Ademais, o programa emitirá dúas reportaxes. Por unha parte, ocuparase de ‘Commuting Time’, obra de carácter performático do artista visual Manuel Saiz. Durante o mes de novembro rexistrou nun vídeo 30 tomas coa conversa entre dúas persoas en distintas cidades, Santiago e Barcelona, nas galerías Trinta e Ethall. Por outra parte, o cultural fará un repaso á traxectoria de Marta Pazos, dramaturga autora de obras coma ‘Safo’, ‘Twist’, ‘Ás oito da tarde cando morren as nais’ e ‘Alexina B’.

12 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.