Cultura entra no Padroado da Fundación Sargadelos
Trátase dun novo paso na reactivación do legado artístico de máximo nivel dunha da firmas máis simbólicas de Galicia
A Xunta pasará a formar parte do Padroado da Fundación Sargadelos, tras o acordo acadado coa dirección da firma. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou onte na reunión do Padroado na que se anunciou esta decisión, que cualificou como “unha oportunidade fantástica para poñer en valor, para impulsar e promocionar a innegable transcendencia e importancia que ten Sargadelos no seu conxunto na cultura galega”. Xunto o propio conselleiro, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, representará ao Goberno galego nesta institución. A Fundación Sargadelos conta actualmente con representantes da empresa, o Concello de Cervo e distintas persoas de prestixio no ámbito cultural e económico de Galicia.
O obxectivo desta acción é impulsar a marca Sargadelos como gran referencia cultural de Galicia, un nome que conta ademais cun gran simbolismo de representación do país, cun papel preponderante durante o século XX, e para o conxunto da cidadanía. Cómpre destacar, así mesmo, a relevancia desta colaboración, coincidindo coa conmemoración do centenario do nacemento do fundador, Isaac Díaz Pardo.
O conxunto da fábrica de Sargadelos de Cervo está declarado Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano 2014. Dentro deste recoñecemento inclúese, ademais da casa de Díaz Pardo, o edificio circular de Andrés Fernández-Albalat, no que se conxuga a tradición e a modernidade e no que destaca o expresionismo da estrutura de formigón, ou o auditorio e departamento de Arte e Comunicación, creado para converter a fábrica de Sargadelos nun foco de actividade cultural libre, artística, de experimentación formal e investigación arredor do deseño industrial. O conxunto complétase cunha Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, unha piscina descuberta, unha pasarela metálica e unha marquesiña de formigón.
A reactivación do complexo de Cervo, como primeiro paso dun ambicioso proxecto autonómico, conta con varias iniciativas que serán recollidas nunha folla de ruta na que a Xunta de Galicia vai estar implicada co obxectivo de poñer en valor e difundir o legado cultural de máximo nivel de Díaz Pardo e Luís Seoane, tendo tamén en conta a súa pegada tanto no Castro (Sada) como en Santiago de Compostela. O pasado verán inaugurouse a primeira fase do Museo de Sargadelos, un proxecto expositivo que recolle a historia da fábrica.
··· Esta alianza coa Fundación Sargadelos coincide coa celebración do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, que a Xunta conmemorará cunha grande exposición na Cidade da Cultura, As miradas de Isaac, comisariada por dous dos seus fillos, Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro. A mostra poderá verse no Museo Gaiás, do 6 de novembro de 2020 ao 4 de abril de 2021, e estará composta por obras de arte, diversos obxectos persoais, fotografías, textos, murais, documentos e proxeccións. As miradas de Isaac é a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo despois do seu pasamento, no ano 2012, e ten como obxectivo facer un achegamento a un dos intelectuais máis decisivos na defensa da cultura galega da última centuria.