Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cultura incrementa nun vinte e sete por cento o seu orzamento para 2021

Román Rodríguez sinalou que están executadas ou en marcha case todas as iniciativas do Plan de Reactivación do sector

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou onte o incremento do 27,4 % nos orzamentos da Xunta destinados á cultura para reforzar a aposta decidida e o compromiso incondicional con este sector. Dáse así continuidade ao traballo levado a cabo polo Goberno autonómico nos últimos meses para a recuperación do sector, tal e como manifestou onte no Parlamento de Galicia durante unha interpelación sobre o impacto da COVID-19 neste ámbito.

“Desde a Xunta vimos demostrando con feitos que coñecemos as dificultades polas que atravesan os sectores culturais e por iso fomos no seu momento a primeira Comunidade en aprobar un Plan de Reactivación específico. Agora seguímolo demostrando con estes orzamentos”, explicou o conselleiro.

Neste sentido, recordou que o Goberno autonómico destinará en 2021 máis de 94 millóns de euros para a cultura de Galicia, o que supón 20 millóns de euros máis que o ano anterior. Ademais, o esforzo inversor increméntase nun 86,44 % e representa o 30 % do total do orzamento destinado á cultura. As contas de 2021 están pensadas para seguir reactivando o sector cultural, á vista do bo resultado das políticas e investimentos realizados durante esta pandemia.

A este respecto, fixo balance do plan posto en marcha o pasado mes de abril e subliñou que están executadas ou en marcha o 95 % das iniciativas, o que implica un investimento executado de 24 millóns de euros dos 26 millóns previstos.

Entre todas as accións, Román Rodríguez destacou os investimentos máis recentes de apoio a todas as industrias culturais. Referiuse aos 2,5 millóns de euros que permitiron axudar a 20 novas producións audiovisuais, os medio millón de euros para o impulso do sector escénico beneficiando a 38 compañías e catro salas, así como máis de 460.000 euros á proxección exterior e interior da cultura galega con axudas coas que o Goberno autonómico financiou máis de 400 concertos e funcións en 17 países.

APOIO E ACCIÓNS. Tamén se referiu ao apoio ao sector do libro, así como á arte contemporánea e cuantificou en 4.500 as accións que se terán realizado durante este ano ao abeiro deste Plan, incluíndo un récord de presentacións teatrais. “A pesar das restricións que nos impón a pandemia e da necesidade de adaptación constante, a cultura segue”, expresou Román Rodríguez.

Por iso, como avanzou, a prioridade da Xunta será fomentar o consumo cultural de xeito seguro, para o que se ultima unha campaña de comunicación e sensibilización que presenta esta semana. “É necesario que todos nos impliquemos no mantemento dun sector estratéxico para Galicia”, engadiu animando a participar na programación cultural realizada polas industrias creativas galegas tanto de xeito presencial como a distancia.

Salientou, ademais, a importancia da cultura na economía galega, da que dependen directamente en Galicia 30.000 profesionais, polo que garantiu que a Xunta imos “seguir apostando de xeito claro e valente pola cultura”. Neste sentido, Román Rodríguez indicou, ademais, que este traballo realizado unido ao novo esforzo inversor de 2021 permitirá que o Goberno autonómico continúe avanzando xunto co sector para salvar o emprego e manter a industria cultural, favorecer o consumo de produtos culturais, fomentar a creatividade e a produción e reforzar as estruturas da programación e distribución.

26 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.