Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cultura licita as obras de conservación dalgunhas áreas do Colexio do Cardeal

Esta actuación resolverá os principais problemas de seguridade de uso e funcionamento do edificio

Monforte. A Xunta de Galicia licitou onte cun investimento próximo aos 420.000 euros as obras de conservación na igrexa, claustro e áreas de visita pública no Colexio do Cardeal para solucionar as afeccións que sufre o inmoble, entre elas solucionar as gretas provocadas na igrexa polo célebre terremoto de Lisboa de 1755, que aínda que non comprometen á estabilidade das bóvedas é preciso corrixir.

As actuacións estenderanse por un prazo máximo de seis meses e resolverán os principais problemas de conservación deste monumento que está en proceso de ser declarado ben de interese cultural.

Para poder desenvolver os traballos necesarios a Consellería de Cultura e Turismo e a fundación Colexio de Nosa Señora da Antiga asinaron o pasado mes de xuño un convenio para a posta a disposición da Administración autonómica deste espazo monumental monfortino. Esta actuación resolverá os principais problemas de seguridade de uso e funcionamento do edificio, acometendo obras de conservación que eviten un maior deterioro do ben.

Esta obra forma parte dunha liña de traballo da Xunta de Galicia con vistas a reforzar a Candidatura da Paisaxe cultural da Ribeira Sacra a Patrimonio Universal, a un ano vista da súa presentación, estudo e debate no seo da 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da Unesco.

Traballos de restauración. Entre as actuacións previstas atópase o selado da greta do muro do presbiterio e a substitución da cuberta de tella da zona do presbiterio. Ademais, corrixiranse as afeccións detectadas, acometendo a consolidación da bóveda do presbiterio, cunha actuación consistente na recolocación de varias doelas descolgadas próximas ao retablo maior, a reparación de gretas e a posta en carga da bóveda.

Finalmente, restaurarase e porase en valor o pasadizo existente tras o presbiterio cunha actuación específica en todos os seus elementos construtivos, apertura de ocos e execución dunha escaleira exterior de evacuación de incendios; aplicarase un tratamento de desinsectación do pavimento e dos elementos mobles da igrexa, e efectuaranse pequenas actuacións nas carpinterías do tambor da cúpula para evitar a entrada de auga máis importante.

Isto permitirá evitar as filtracións que se están a producir na cuberta do presbiterio e que están a degradar a estrutura da bóveda; arranxar e recuperar o pasadizo que comunica as dúas alas na planta baixa, que se reformou por última vez no ano 1835; reverter a entrada de auga a través das carpinterías do tambor na cúpula, e deter os ataques xilófagos no interior da igrexa que está afectando tanto ao pavimento como a diferentes elementos mobles. ECG

08 jul 2020 / 19:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.