Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Chan da Pólvora celebra o Día das Letras coa estrea da súa web

Será accesible a partir deste 17 de maio

Chan da Pólvora Editora avanza na súa aproximación ás lectoras e os lectores cunha web [chandapolvora.gal] que será accesible a partir deste 17 de maio. A estrea é unha forma tamén de contribuír á festa máis importante da cultura galega, dedicada este ano a Ricardo Carvalho Calero. Precisamente, Chan da Pólvora publicou unha escolma clave na recuperación da súa poesía, titulada Beleza, Verdade e realizada por Pilar Palláres.

A nova web servirá de completo expositor do proxecto da editora, cun blogue onde se reflectirán as novas vinculadas ao selo ou os procesos editoriais dos libros que se publiquen. Ademais dunha tenda online na cabeceira do menú, despréganse en varios hovers as características dos selos paralelos Biblioteca de Mesopotamia, [específico para a Ribeira Sacra e promovido por varias administfacións da rexión silomiñota] e Batiscafo, unha iniciativa destinada a potenciar a tradución dos poetas que escriben en galego.

Ideados expresamente para a web son os espazos ChanZo e LIPo [Laboratorio de Indagacións Poéticas], este último xurdido a finais dos anos noventa e agora recuperado como unha das marcas de identidade de Chan da Pólvora.

Chanzo está dedicado ás publicacións online, onde cada visitante poderá descargar en PDF as obras coas que vaiamos engrosando o andel dixital da editora. Para a apertura, estará á disposición da comunidade dixital unha antoloxía da poesía galega do ano 2018, que realizou María Xesús Nogueira. Nela, poderedes atopar o mellor dos poemas publicados nese ano, con nomes como Luz Pozo Garza, Xabier Cordal, Cesáreo Sánchez Iglesias, Andrea Nunes, María do Cebreiro ou Xabier Xil Xardón, entre outros. De igual maneira, introdúcese un artigo onde Miro Villar fai balanzo da produción poética editorial nese ano. En días sucesivos, irán aparecendo outros artigos sobre ese mesmo período. Mario Regueira é o encargado de realizar a antoloxía correspondente ao ano 2019.

LIPo é o acrónimo do Laboratorio de Indagacións Poéticas, recuperado para ser un ámbito dedicado á poesía audiovisual. Ana Romaní e Chus Silva serán os encargados de facer pezas sonoras específicas para unha sección que Chan da Pólvora pretende converter en lanzadeira de audiolibros. As primeiras entradas de LIPo é un videobooks de Samuel Solleiro, autor de O mundo dos vivos, publicado por Chan da Pólvora. Canda el, aparecerá un poema sonoro de Paula Luís, a inquietante autora de Dendrita, o libro coa que a editorial inicia a temporada actual, ademais de oito breves pezas sonoras de Romaní e Silva.

A web ten as señas estéticas habituais da editora, co predominio do branco, o vermello e o negro, un fácil manexo e moitas sorpresas. De feito, está ideada para que cada visitante poda realizar as súas propias esculcas, cunha cartografía con múltiples rutas de acceso a diferentes apartados.

A páxina ponse en marcha cando pecha as portas a Libraría de Chan da Pólvora, módulo que naceu canda a editorial. Con ela, compartía a especificidade poética e a visualización comunal, un dos elementos característicos do proxecto xeral de Chan da Pólvora. Nos últimos anos, a libraría estivo dirixida por Quico Valeiras, que desevolveu unha incansable actividade na difusión dos libros do selo pero, sobre todo, na difusión do feito poético xeral. Co peche da libraría, Compostela perde unha das súas marcas singulares e a Rúa de San Pedro a súa institución cultural máis personal. Todos, en fin, perdemos un libreiro de referencia. Conservamos, iso si, o amigo.

15 may 2020 / 18:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.