Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Culturgal acolleu case nove mil asistentes que gozaron de música, teatro e cinema

A feira despediuse en Pontevedra nun día no que o público familiar volveu ser o protagonista cunha oferta de ata sete espectáculos

Volveu a Feira, volveu a xente a ateigar o recinto feiral de Pontevedra para gozar da Culturgal. A organización da Feira manifesta a súa satisfacción polo decorrer do evento durantes os días 26, 27 e 28 de novembro no que participaron nove mil persoas. Culturgal 2021 despedíase cunha xornada na que o público familiar volveu ser protagonista dunha oferta de sete espectáculos e diversos obradoiros especialmente pensados para el. Pero ademais, cinema, presentacións de proxectos para 2022 como a xira teatral de “Fariña” e moitas autoras e autores encontrándose cos seus lectores na Feira. O prato forte do día, o fin de xira de Tanxugueiras, encheu de público novo o Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra coas entradas vendidas desde hai semanas.

A organización de Culturgal agradeceu especialmente ás empresas expositoras, auténtica columna vertebral do evento, a súa confianza e o retorno ao Pazo da Cultura de Pontevedra tras case dous anos de pandemia. Nos próximos días a organización da Feira comunicarase coas empresas participantes para coñecer a súa valoración do paso por Pontevedra e das novidades da edición como ter habilitado o venres 26, primeira xornada do evento, como día de montaxe co recinto feiral pechado ao público. Obrigado é tamén o agradecemento aos patrocinadores institucionais. Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra contan con stand propio no recinto feiral e, ademais, participan con diversas iniciativas na programación xeral da Feira. Precisamente o domingo 28 a Xunta de Galicia presentaba no Espazo Foro o Proxecto Nós de intelixencia artificial para a creación de entornos de voz en galego.

Asistentes. Durante os tres días da Culturgal 2021, malia estar o recinto pechado na primeira xornada pola montaxe de stands, máis de nove mil persoas achegáronse á Feira. “Volveu a pasar. E volveu a pasar en Pontevedra, unha cidade coa que xa hai unha identificación plena, que responde á Feira como un proxecto propio. Cremos que a Feira se reequilibra, cun modelo de feira máis sustentable no que seguiremos afondando nas vindeiras edicións, máis cómoda para visitantes, expositores e para nós como organización. Todos os nomes de referencia na cultura actual estiveron aquí. Máis da metade das entradas vendidas foron adquiridas online, é un cambio sustancial respecto das anteriores edicións; tamén acontece cos pagos na feira por parte dos visitantes.

En definitiva, cultura segura para todos “, sinala o director da Feira, Xosé Aldea. “Temos que dicir que a afluencia de público superou as nosas expectativas xa que hai só unhas semanas os aforos que manexabamos eran moito máis reducidos. Recibimos unha resposta moi positiva dos participantes que nos manifestaron a importancia de reencontrarnos, o que fai que nos decatemos da dimensión humana ou emocional, se se quer de Culturgal, como cita de referencia para o sector”, conclúe.

Tivo a xornada de clausura tempo tanto para a música, coa actuación de artistas emerxentes como a cantautora Leticia Rey, así como co teatro a través de pezas como A parábola do angazo, de Talía Teatro, e Dreaming Juliet de Elefante Elegante, esta última, que forma parte do programa FalaRedes da Xunta de Galicia, foi representada no Teatro Principal de Pontevedra ante cento cincuenta persoas. O audiovisual veu da man das proxeccións do documental Xela Arias. A poeta nas marxes, dirixida por Beatriz Pereira, e de Cuñados, a película producida por Portocabo e ópera prima de Toño López. Ademais, Portocabo aproveitou o espazo da Culturgal para presentar coa Xunta de Galicia RAPA, a nova serie para Movistar +.

Durante toda a xornada de peche foron moitas as autoras e autores que se achegaron a presentar os seus novos títulos e a participar en sinaturas e conversas cos lectores: Manuel Rivas, Andrea Maceiras, Lorena Conde, Emma Pedreira, Manuel Gago, Santiago Lopo, Pablo Otero, Alberto Lema, Antonio García Teijeiro, etc.

Tanxugueiras e convidadas. Tanxugueiras, o grupo galego do que máis se fala nos últimos meses, despediu a súa xira Contrapunto na Culturgal, na xornada de clausura, coas setecentas butacas do Auditorio do Pazo da Cultura esgotadas desde semanas atrás. O público que se achegou a Culturgal compartiu coas tres pandereteiras o peche dun ano espectacular para o grupo e gozou dun concerto especial no que Tanxugueiras subiron ao escenario a colaboradores como Xabier Diaz, Uxía, Lilaina, Sabela e Edelmiro Fernández.

29 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.