Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cursos de danza e xestión cultural no Centro Coreográfico

O prazo para participar nesta oferta formativa abrirase desde o 12 de abril e ata o 14 de maio

Nove cursos sobre diferentes estilos de danza, prevención de lesións e xestión cultural neste sector configuran a oferta formativa que a Xunta de Galicia desenvolverá na sede do Centro Coreográfico Galego na Coruña entre os meses de maio e outubro.

Dirixido prioritariamente a profesionais e estudantes, aínda que aberto a todos os interesados nesta arte, no programa teñen cabida técnicas contemporáneas, clásicas, urbanas e tap dance, para o que a unidade coreográfica da Consellería de Cultura volve contar cun profesorado integrado por recoñecidos nomes no seu ámbito.

O taller de creación de danza contemporánea Traballando desde o mapa abrirá os días 8 e 9 de maio esta nova edición dos cursos do Centro Coreográfico coa bailarina e coreógrafa galega Esther Latorre, do colectivo Glovo.

A artista multidisciplinar Mercé de Rande tomará o testemuño os días 15 e 16 dese mes con Choreo Toolbox. Ferramentas para a composición coreográfica, a través do que achegará un amplo abano de recursos para lle dar forma ás súas propias pezas.

O día 5 de xuño será a quenda de Paula Quintas, integrante da compañía trasPediante e codirectora do festival Corpo(a)Terra de Ourense, quen impartirá o obradoiro Procura do movemento a través da técnica Laban.

A actividade formativa intensificarase no mes de xullo con outras catro citas, que darán comenzo entre os días 5 e 9 co curso de danza clásica A entrada ao mundo profesional. Con el, a profesora Carmen Paris regresa á Coruña para asesorar de maneira particularizada sobre o desenvolvemento das carreiras no mundo do baile.

Na semana seguinte, do 12 ao 15 de xullo, a fisioterapeuta, osteópata e exbailarina María Jesús Peces-Barba aprenderalles aos asistentes como mellorar o coñecemento do seu corpo para coidalo e potencialo a través do taller de prevención Adapt Method.

A continuación, do 19 ao 23 de xullo, terán lugar cinco clases maxistrais centradas noutros tantos estilos de danzas urbanas e dirixidas non só a bailaríns iniciados nelas, xa que a súa capacidade para mobilizar todo o corpo e aumentar o sentido do ritmo pode servir de complemento a calquera técnica de baile.

Xirarán arredor do hip hop e do popping con Alba Fernández Cotelo, breaking dance con Samuel Galán, locking con Noelia López e waacking con Sabela Domínguez.

Para rematar a oferta de xullo, o especialista en tap dance John O’Brien impartirá o seu curso entre os días 26 e 30. Polas características do claqué, estas clases están indicadas para todas aquelas persoas que busquen mellorar a súa habilidade, capacidade de movemento e ritmo.

Dana Raz e Sharon Fridman ofrecerán do 3 ao 5 de setembro o obradoiro de danza Drop & Catch, mentres que o xestor, produtor e distribuidor Manu Lago pechará o programa do 1 ao 3 de outubro cun taller no que compartirá a súa experiencia.

O prazo de inscrición estará aberto do 12 de abril ao 14 de maio, seguindo as instrucións que se activarán nas web da Agadic e do propio Centro Coreográfico Galego.

03 abr 2021 / 17:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.