Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Da India ao Atlántico

Cat Jarman presenta as rutas comerciais que abriron os viquingos

Na agresión armada que Rusia está a soster contra Ucraína non é alleo o problema das respectivas identidades nacionais. O réxime de Putin -no asunto que veremos- é seguidor das políticas da URSS verbo da imposición da identidade rusa coma hexemónica. E se nos últimos anos os gobernos de Kíiv orientáronse cara a Occidente, este xiro levou implícito admitir que a participación viquinga foi determinante na formación do primeiro ente de goberno nas terras que os eslavos habitaban aquén dos Urais.

A bioarqueóloga e profesora da Universidade de Oslo Cat Jarman presenta agora Los reyes del río (Ático de los Libros), a versión española do seu estudo sobre os viquingos e as Rutas da Seda, publicado hai apenas un ano. Esta obra recolle diversas manifestacións da época viquinga, ese período que podemos situar entre finais do século VIII e comezos do XII e durante o cal os diversos pobos escandinavos estableceron rutas comerciais cruentas e incruentas por Europa adiante, tanto en occidente (Atlántico, Mediterráneo) como en oriente, cara ás terras que conducían a Asia.

En termos xerais, o estudo da doutora Jarman non fai descubrimentos espectaculares porque, por exemplo, a presenza escandinava na Europa oriental e o seu establecemento na ribeira do Dniéper ou o servizo mercenario que prestaron a un emperador bizantino están documentados de hai décadas. Pero a importancia da obra que comentamos é o conxunto de estudos feitos ou revisitados por ela para establecer, sen ningún xénero de dúbidas, a certeza das rutas comerciais abertas polos viquingos nuns anos nos que os reinos medievais cristiáns aínda estaban a se consolidar.

E o asunto que lle sirve de punto de arranque ou detonante é unha peza de cornalina procedente da India achada na necrópole do asentamento viquingo de Repton, na rexión inglesa do Derbyshire. É a partir desta peza, exótica e rara pola súa procedencia, cando Cat Jarman establece, grazas a diversos métodos de investigación arqueolóxica, que os escandinavos occidentais (nas terras que hoxe son Noruega e Dinamarca) emprenderon a exploración, saqueo, comercio e ocasionalmente asentamento en terras atlánticas.

Pero aqueloutros escandinavos orientais –das terras da actual Suecia-, debido á dificultade que supuña cruzar os estreitos cara ao Atlántico, optaron polas costas bálticas. E como base principal de operacións, Jarman sinala o papel determinante de Gotland, unha illa que pasou a exercer un papel semellante ao que despois tivo Venecia no Mediterráneo: goberno dunha oligarquía mercantil sen apenas estruturas políticas. E é a partir de estudar os asentamentos naquela illa, en Birka (Suecia) e en Salme (Saaremaa, Estonia), cando foi posible establecer con certeza as rutas que aqueles escandinavos abriron en terras continentais.

O seu dominio da navegación permitiulles establecer unha rede de comunicacións fluviais -e ocasionalmente terrestres- que partindo das costas bálticas e seguindo polos lagos Ládoga e Ilmen, permitiulles navegar polos ríos Dniéper (cara ao Mar Negro), Don (Mar de Azov) e Volga (Mar Caspio). A partir destes destinos foilles posible enlazar cos camiños das Rutas da Seda que desde séculos atrás, comunicaban as diversas terras asiáticas e mediterráneas.

Os viquingos encetaron estas vías comerciais nos anos de apoxeo do califato abasida de Bagdad, sucesor dos omeias de Damasco. Daquela xeira, destacados escritores e viaxeiros bagdadís coñeceron aqueles contactos e describiron aqueles homes altos e louros chegados de terras lonxincuas. Eran obxecto de tráfico peles chegadas do Báltico que os escandinavos cambiaban por sedas, prata en moeda e escravos.

E nun dos asentamentos que lles servían para vixiar o curso do Dniéper e situar un relevo de monturas estableceron a primeira estrutura política nas terras que habitaban as tribos eslavas nómades. Aqueles escandinavos que dominaban os ríos daquela gran estepa déronse o nome de rus e esta foi a denominación que aplicaron a aquel primeiro goberno en Kíiv. Esta circunstancia foi sistematicamente ignorada polas autoridades soviéticas, que sempre negaron as orixes foráneas do reino ruso.

Joaquim Ventura

11 may 2022 / 13:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito