Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Daniel Monzón, o estreno de ‘Rapa’ e Amparanoia, no XIX Festival de Cans

O conselleiro de Cultura salienta a singularidade do certame como valor de marca para o conxunto do audiovisual galego

O Festival de Cans, caracterizado pola súa singularidade e o seu “valor de marca identitaria e diferencial”, en palabras do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, presentou este martes a que será a decimonovena edición do seu famoso certame.

A súa gran oferta cultural e lúdica e o seu papel como plataforma de difusión do cinema que se fai en Galicia volven situar o certame porriñés entre os subvencionados pola Xunta a través da liña de axudas a mostras estratéxicas, que este ano distribúe 210.000 euros en once citas.

De feito, tal e como explicou o conselleiro, o XIX Festival de Cans foi o que logrou a maior puntuación de todos os presentados a esta convocatoria, adxudicada en réxime de concorrencia competitiva, obtendo unha achega dun total de 31.000 euros, que foi a contía total solicitada pola súa organización.

Un ano máis, o Torreiro de Cans acolleu o acto oficial no que se desvelou a programación completa do certame e no que tamén participaron o equipo organizativo e os representantes das diferentes entidades e empresas colaboradoras nesta edición que, tras dous anos, regresa ao mes de maio para se celebrar entre os vindeiros días 17 e 21.

Román Rodríguez, quen comezou a súa intervención cunha lembranza a Eva García de la Torre, a anterior alcaldesa do Porriño, falecida o pasado mes de xaneiro, salientou o papel de todos os axentes implicados na celebración deste evento como responsables do éxito que vén colleitando e, en especial, “o compromiso de toda a veciñanza para que este festival siga sendo inesquecible”.

Amosouse optimista diante da recuperación da práctica totalidade das actividades culturais e á luz das cifras que arroxa o último Barómetro da Cultura elaborado polo Consello da Cultura Galega.

“Hoxe Galicia é unha das catro comunidades autónomas nas que se está incrementado o número de traballadores do sector”, sinalou, ao tempo que destacou que este estudo tamén prevé o aumento dos ingresos xunto co da demanda por parte dos públicos, usuarios e consumidores de produtos culturais.

No caso do audiovisual, esta reactivación reflíctese no regreso dos festivais aos seu formatos e datas habituais, mantendo e reforzando a súa función como plataformas de promoción da gran diversidade e do talento do cinema e do resto de produtos audiovisuais en Galicia.

Importante papel do HUB Audiovisual da Industria Cultural. O conselleiro lembrou tamén que a Xunta está a responder a este esforzo do sector por recuperar e, en moitos casos, intensificar a súa actividade tras os momentos máis complicados da pandemia coas medidas postas en marcha a través do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural.

Este programa extraordinario complementa o programa anual de subvencións autonómicas cun investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Dentro da súa ampla programación, o XIX Festival de Cans celebrará o seu día grande o sábado 21 de maio coa sección oficial de curtametraxes, na que se exhibirán 12 obras, das que seis son estreas absolutas e outras catro primeiras proxeccións nun certame galego. Durante esa xornada poderán verse, entre outros, os novos traballos de Lois Patiño, Eloy Domínguez, Ángel Santos, Guillermo de Oliveira ou Lucía Estévez.

Trátase do principal apartado do programa competitivo, que repartirá 10.200 euros en premios, e dentro do que tamén se desenvolven as sección Furacáns, Novas Camadas e Videoclips. Ademais dos galardóns que se outorgarán nas diferentes categorías, Cans volverá conceder os seus recoñecementos honoríficos, que desta volta recaerán na cineasta Margarita Ledo, no actor Federico Pérez, no xornalista e realizador Javier Tolentino e nos veciños de Cans Marisol Troncoso e Alfonso González.

Fóra de competición, o primeiro capítulo de Rapa, serie filmada na Serra da Capelada co apoio do fondo de rodaxes do Hub Audiovisual, será a proxección inaugural o xoves 19. Tamén se exhibirán as longas Malencolía, de Alfonso Zarauza; Valentina, de Chelo Loureiro, e Un blues para Teherán, de Javier Tolentino, ademais da curta Miedo al miedo sobre a galega Eme DJ.

O programa inclúe un foco internacional sobre o portugués João Nicolau; unha retrospectiva das pezas curtas de Margarita Ledo, exposicións, encontros e coloquios con Javier Monzón, Tamar Novas ou Chechu Salgado, así como concertos con Dakidarría, Amparanoia, Juan Zelada, Sila Lua, Astrogirl, Caldo, The Incredible Peón Kurtz Dj, Los Vinagres e Eme Dj.

Haberá, segundo o seu director, Alfonso Pato, “unha gran sección oficial, con múltiples actividades paralelas para todos os públicos, a presenza de destacados cineastas e intérpretes, música, libros e coloquios”.

03 may 2022 / 17:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.