Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 26 octubre 2021
22:16
h

De alienación e surrealismo: onde queda o tempo roubado

Perpetuando filosofías como coitelos, “escolle un traballo que che guste e non terás que traballar un só día”. Claro que non todo o mundo quere profesionalizar as súas paixóns e, sobre todo, non todos teñen a oportunidade de facelo. Na meirande parte dos casos, ese traballo que debería ser a nosa realización adoita ser máis ben unha forma de gañar o pan. Do noso tempo propio só quedan as migallas que non devoran os paxaros.

Xornadas extensas, que superan as horas pautadas, e maior carga de traballo ante unha redución de persoal —o mes de xuño pechábase con 447.800 personas en ERTE en España— leva a que o paradigma produtivo drene por completo a enerxía dos seus traballadores. O sistema controla o noso tempo, ou a súa ausencia, dentro e fóra da xornada laboral.

Celia está facendo prácticas da universidade nun medio de comunicación galego. Durante o mes de xullo, erguíase ás oito da mañá, almorzaba, recollía e marchaba a traballar. Para comer saía ás dúas, pero ás catro estaba de volta na redacción. Cando por fin remataba a súa xornada, ás nove ou ás dez da noite, xa non tiña corpo para facer nada. “Non era só que non tivese ocio, e que non tiña nin forza para facer as tarefas da casa. É unha rutina que non é nada saudable, non o é para a hixiene persoal nin para a saúde mental”, recoñece Celia. Como ela, moitos estudantes teñen contratos de prácticas abusivos, onde “adquirir experiencia” prevalece sobre calquera tipo de condición laboral.

Segundo os últimos datos do INE, a taxa de paro dos menores de 25 anos elévase a un 38,4%, mentres que a dos maiores de 25 está no 13,6%. Destes, un 29,1% está buscando o seu primeiro emprego. Sendo estas as circunstancias, a mocidade acepta condicións altamente precarizadas: salarios moito menores e empregos cunha taxa de temporalidade do 54,7%, segundo recolle o informe INJUVE do último trimestre. Non recordar en que momento a túa vida se converteu nunha estampa de Edward Hopper, na barra dun bar ou nunha montaña de pratos por fregar coas mans coas que pelas patacas, serves copas e escribes artigos. Cantas cosuas poden facer as nosas mans para saír do paso.

A situación da pandemia, a incertidume laboral e o illamento social intensifican estas problemáticas. Con menos alternativas dispoñibles, o ocio de consumo é de escolla obrigada. “O único que fago é ir de terrazas, pero que outra cousa vou facer. Non teño máis alternativa de ocio. Por sorte vivo cos meus amigos, e a miña moza tamén vén a verme á casa. Máis que acudir eu, veñen eles a min”, explica Celia.

Como pluriempregada, Sara traballa ao mesmo tempo nun medio online e no mostrador dunha xoiaría. O primeiro son prácticas, esa necesidade de experiencia, o segundo unha maneira de conseguir aforros. “Fago xornada completa en ámbolos dous traballos. Deixei atrás moitos hobbies e cousas que me gustan. Tampouco lle estou dedicando o tempo que merecen ós meus proxectos persoais. Parece unha excusa, pero realmente non teño ningún día libre para min mesma ou para facer cousas creativas”, expresa Sara.

Tamén Celia tivo que deixar de lado as súas afeccións e iniciativas de futuro: “Son amante do cine dende moi pequena, de feito quero dedicarme aos estudos de cine. Pero levo dous meses sen ver unha película, son incapaz de concentrarme. O único que penso ao chegar a casa é no que teño que escribir mañá, ou doulle voltas á cabeza para buscar novos temas. Non desconecto en ningún momento”. O traballo monopoliza tamén as conversacións coas súas amizades, que queren saber como lle vai e propoñerlle algún tema. Así é como unha adquire unha personalidade única e instranferible, a de persoa traballora. “Intento sociabilizar á saída do traballo, mais moitas veces o único que quero é durmir”, engade Sara.

Sumidos nunha situación de perda de consciencia, non é infrecuente buscar a abstracción. Gertrude Abercrombie foi unha pintora surrealista norteamericana, parte da escena artística do Chicago dos anos 40 e 50. Nos seus diarios, definíase a si mesma como unha persoa moi realista, á que non lle gustaba o que vía. Por iso soñaba que as cousas cambiaban. As súas pinturas nocturnas, mulleres partidas e árbores torcidos, están cheas dese desexo de escapismo que tan ben encaixa coa sociedade contemporánea. A árbore de Design for dead (1946), un dos seus cadros máis literais, ben podería ser a mesma baixo a que durmían Vladimir e Estragon. A fin de contas, a historia é semellante: sentímonos sós e a vida ten moito de absurda.

Na década dos cincuenta, a mala situación financeira de Abercrombi causou un empeoramento da súa saúde, aumentando o seu consumo de alcohol e illándose do mundo exterior. Morrería en Chicago no 1977. As súas pinturas prevalecen hoxe como símbolo dun mundo alleo, alternativo, unha xanela para escapar da realidade.

22 ago 2021 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito