Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Debate na facultade: O xornalismo de calidade necesita recursos

O alumnado participante en Compostela no coloquio sobre o futuro do periodismo mostrouse preocupado pola independencia dos medios

Foron dúas horas de animado coloquio na Facultade de Ciencias da Comunicación, conducido por Fernando Jáuregui e a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, con intervencións de Lois Caeiro, ex director de El Progreso e escritor; Alberto Barciela, periodista; José Pereira Fariña, director de Innovación e Negocio da Corporación Radio e Televisión de Galicia, e Xavier Cea, xornalista de EL CORREO GALLEGO.

Nas bancadas, un numeroso grupo de alumnos e alumnas participaron activamente e mostráronse preocupados pola independencia dos medios. A maior parte das súas interpelacións e reflexións tiveron relación coas presións ás Redaccións, a censura e a liberdade na exposición e publicación de informacións.

Alberto Barciela referiuse a encontros persoais con profesionais dalgúns países sudamericanos que reafirmaron serios problemas deste tipo, mentres que José Pereira recordou que os xornais sempre tiveron que superar, e así o fixeron, obstáculos importantes.

Nese contexto, os relatores coincidiron en que os xornais están sometidos a presións e que o periodismo de calidade é caro e necesita recursos. Lois Caeiro, que apelou á figura do editor, insistiu en que a independencia dos medios precisa da solvencia económica empresarial.

O prestixioso xornalista Fernando Jáuregui, líder da plataforma de investigación Periodismo 2030, que promoveu o encontro, empatizou de contado cos mozos e mozas aspirantes a periodistas presentes no acto, adiantándolles a importancia que terá o seu papel na sociedade e animándoos a intervir, intentando destapar a rebeldía e o incorformismo dos que levarán o peso da comunicación neste país. Mostroulles a súa admiración e avanzoulles que van ter que acumular diversas cualidades e habilidades, tamén tecnolóxicas. Mesmo aventurou que moitos dos novos profesionais deberán ser emprendedores, crear o seu propio traballo.

En relación ás presións e á independencia, confesou que, no seu caso houbo veces que silenciou algunha información porque creu que era o mellor. Na mesa recoñeceuse que nunha Redacción é moi difícil facer sempre o que se quere. Fernando Jáuregui criticou abertamente as situacións que provocan as redes sociais e apuntou tamén a conveniencia de que se saiba para quen traballamos: se se dese o caso, por exemplo, de que un periodista traballa para un banco ademais de para o xornal, é preciso que os lectores o saiban. Jáuregui, e tamén Alberto Barciela, animaron á busca da integridade por parte de cada profesional en todos os procesos da elaboración da noticia.

Alumnos e alumnas preguntaron tamén polo que se podía esperar do futuro. A ese respecto, Xavier Cea retratou un sector confuso polos cambios nos soportes, nas redaccións, na publicidade e no modelo de negocio, coas dificultades que todo iso implica. Os alumnos interesáronse polos novos produtos e a posibilidade de dirixirse a públicos concretos. Pereira apuntou que é interesante dirixirse a cada colectivo a través dos medios que manexa, no caso dos mozos, fundamentalmente as redes sociais.

Unha alumna, certamente preocupada, preguntou se sería posible atopar traballo e vivir disto. Gañar un salario digno. Quedaron patentes as dificultades do momento e especialmente a incerteza sobre o que vai acontecer. Lois Caeiro Confesou que non sabe que vai pasar, e engadiu que non cre que ninguén o saiba. Hai moitas preguntas e poucas respostas. En calquera caso, Fernando Jáuregui quixo deixar constancia da afouteza dos cadros dos xornais de papel, que segundo el tiveron un papel heroico durante a pandemia, cando todo se lles volveu en contra.

Destacou a súa resistencia e a vontade de servizo nun momento moi complicado e que non deixaron de saír á rúa cada día aínda que se rexeitaban os xornais en bares, cafeterías e mesmo nas casas.

En xeral, e logo de clarexar que non pretendía colgarlle medallas a ninguén, resaltou o labor de moitos profesionais que coas únicas armas dun bolígrafo e unha máscara, foron a onde naide quería ir, por exemplo aos hospitais, para contar o que estaba acontecendo. Toda a cidadanía estaba pendente e requiriase toda a información posible.

O coloquio, que contou coa colaboración activa da Fundación AXA, foi promovido por Periodismo 2030, un grupo aberto de profesionais que medra día a día e que, segundo indica no seu propio sitio web, axuda á consolidación dun novo periodismo cando está nacendo un mundo indubidablemente novo.

A través de debates sectoriais profundizan nas cuestións máis candentes para os periodistas. O futuro da prensa de papel, os muros de pago, a supervivencia ante as redes sociais, as fake news ou o periodismo espectáculo. Cara a onde van as radios e as televisións. O que se vai ensinar nas Facultades de Ciencias da Información. Que vai ser da liberdade de expresión, tal como a coñeciamos. Indagan mediante a realización de enquisas e acaban de publicar un libro con resultados.

26 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.