Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Decisións

    Na miña mocidade o mundo era máis sinxelo, o cal, entre outras cousas, implicaba que tomar decisións, arduo exercicio onde os haxa, resultaba moito máis doado do que agora. En bastantes respectos, era aquel un mundo dual. O zapping, moderna actividade, substitutiva da contemplación repousada da tele, deriva directamente da existencia das trescentas canles, dez apps e mil películas que hoxe ofrece unha smart TV. Na década dos sesenta, pola contra, a tele era un cacharro antediluviano coroado polos cornos da antena e cun tapetiño de plástico por ornato. Naqueles tempos en branco e negro, a opción entre Cesta y puntos, na primeira canle, ou Por tierra, mar y aire, na segunda, resolvíase axiña pois non había, na verdade, moito onde elixir: todo era a mesma plasta franquista. Do mesmo xeito, chegado un certo punto do currículo académico, un enfrontábase a unha bifurcación do bacharelato que, con notable reducionismo vocacional, tiña dúas direccións: ciencias ou letras, dualidade que, sen querelo, estaba reflectindo as dúas culturas, humanística e científica, establecidas, nun texto xa tópico, por Charles P. Snow en 1959. Así é que, ao rematar o bacharelato elemental de catro anos, había que orientar as enerxías, para os dous anos do superior, cara á obra de Cervantes e a historia do Imperio ou as probetas do laboratorio e os polinomios. Naquel contexto tan linear e que deixaba ben pouco espazo á creatividade individual, resultaba chocante que o digno proxenitor dos nenos Zipi e Zape, don Pantuflo Zapatilla, fose catedrático de Columbofilia, orixinalísima disciplina que, de certo, esixiría o máis selecto elenco de alumnos, afeccionados a tan exclusiva materia.

    Hoxe, cunha oferta universitaria en graos e másteres tan rica como o menú audiovisual dunha smart TV (adeus ao bacharelato de ciencias e letras é á TVE da primeira e a segunda!), de certo que un alumno interesado poderá atopar, por exemplo, un dobre grao, non sei, en puericultura e columbofilia peruana ou un máster en columbofilia aplicada á física cuántica, pois a verdade é que os rapaces de hoxe estudan unhas cousas rarísimas, en comparanza co limitado abano académico do meu tempo.

    Teño para min, porén, que, fronte a tan bizarro catálogo de saídas profesionais, os millennials coquetean fundamentalmente coas ilimitadas posibilidades que o mundo paralelo das redes sociais ofrecen a influencers, yotubers instagrammers ou tiktokers espabilados porque o mundo é dos ousados, é dicir botarlle á cousa un careto como un piano para meter no peto unha lexión de paifocos e vivir regaladamente sen pegar un selo. Seica a vendima, que require dos folgos e resistencia do sangue novo, reséntese no país de falta de man de obra. Nos ha merengao! Convence ti a un hípster de cambiar as gafitas e o axustado blazer de marca polas tesoiras, o capacho e un mono de traballo! Anque, ben mirado, en oito horas cortando e carrexando uva nos socalcos ao mellor latexa un vídeo viral. Digo, pola novedá.

    11 sep 2021 / 00:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.