Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Declarado BIC o Colexio de Nosa Señora da Antiga

Protéxese un monumento clave para entender o crecemento do Renacemento en Galicia e a historia da vila de Monforte

O Consello da Xunta deu luz verde ao decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento e nivel de protección integral, o Colexio da Nosa Señora da Antiga, un inmoble clave para comprender o desenvolvemento do Renacemento en Galicia e a historia de Monforte de Lemos.

O recoñecemento supón, ademais, dar un paso máis na protección e posta en valor dos bens da Ribeira Sacra, que encara a súa recta final para a candidatura a Patrimonio da Humanidade.

O documento culmina o proceso iniciado en 2016, cando a Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga presentou unha solicitude de declaración de Ben de Interese Cultural. Posteriormente, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural elaborou un informe específico e solicitou o parecer dos órganos asesores e consultivos e no ano 2019 incoouse o expediente, momento en que se aplicou de forma inmediata e provisional a súa protección e se deu comezo á súa tramitación.

Con esta decisión, a Xunta reforza a súa aposta de conservación e a revalorización con este inmoble en que está investindo medio millón de euros. En concreto, inclúense melloras na iluminación da súa pinacoteca ou actuacións para resolver problemas na bóveda do presbiterio ou nas carpinterías, entre outras. Este investimento parte do traballo de posta en valor dos bens patrimoniais da Ribeira Sacra desde o inicio da candidatura, que colleu un forte impulso coa declaración como BIC de todo o territorio.

O Goberno galego tamén constituíu a Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra, en que participan sete consellerías. No eido do Patrimonio, este compromiso concrétase en 4,5 millóns de euros en trinta actuacións nos seus bens máis icónicos. É un traballo que forma parte da candidatura da Ribeira Sacra que encara a súa recta final, coa intención de que se resolvan na próxima sesión do Comité do Patrimonio Mundial que se celebrará en China no verán de 2021.

Ademais, a aprobación do decreto de declaración BIC do Colexio de Nosa Señora da Antiga enmárcase na aposta do Goberno galego pola conservación do patrimonio sobranceiro e na potenciación e recoñecemento dos seus elementos claves.

Galicia conta con 747 BIC, incluíndo entre as últimas incorporacións bens como a Igrexa da Atalaia de Laxe, o Mosteiro de San Martiño Pinario, o Parque do Pasatempo, a Terraza de Sada, entre outras. Ademais, o Goberno galego ten iniciados xa os trámites para outras declaracións BIC que se irán resolvendo nos vindeiros meses.

Ampliación da delimitación. No recoñecemento do Colexio de Nosa Señora da Antiga como BIC, o expediente está avalado por un informe previo da Real Academia Galega de Belas Artes e outro do Consello da Cultura Galega. Este último propuxo unha serie de melloras que se tomaron en consideración para dar unha maior solidez á declaración.

O expediente incorpora a ampliación da delimitación para incluír o Campo da Compañía, xa que este espazo estivera relacionado na súa orixe á propia construción do conxunto, e tamén a decisión de axustarse aos espazos inmediatos que rodean ao monumento no contorno de protección.

Á vista de todos os informes, o decreto xustifica a declaración no papel fundamental que representa o colexio de Nosa Señora da Antiga no desenvolvemento do Renacemento en Galicia e por ser clave para comprender a historia da vila de Monforte e o papel que tivo a Casa de Lemos na configuración deste núcleo.

A declaración está xustificada tamén pola importancia do mecenado eclesiástico na España do século XVI e o proceso educativo impulsado polos xesuítas como arma da contrarreforma. Finalmente, é especialmente destacable que desde a súa fundación ata a actualidade, o colexio segue a cumprir a mesma función que cando foi fundado: a ensinanza.

datos
Museo e historia

··· O Colexio de Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido, entre outras denominacións, como Colexio do Cardeal ou Colexio da Compañía é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia.

··· Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, débese citar a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cobre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros. Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga, en que se poden atopar obras de artistas como El Greco.

26 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.