Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Declarado como BIC galego o microscopio de Leeuwenhoek

É unha peza singular e única en España que foi adquirida nunha web// Foi creada no século XVII polo microbiólogo holandés

O Consello da Xunta vén de dar luz verde ao decreto polo que se declara ben de interese cultural (BIC), coa categoría de ben inmoble e nivel de protección integral, o microscopio naturalista creado a finais do século XVII polo microbiólogo holandés Antony Van Leeuwenhoek.

Trátase dunha peza singular e única en España que permitiu ao seu creador sentar as bases da bacterioloxía e protozooloxía, e que se atopa en Galicia nunha colección dun particular. A través do decreto aprobado onte, a Xunta salvagarda por primeira vez de xeito patrimonial un instrumento científico.

Esta protección faise efectiva logo de que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xustificase o carácter sobranceiro deste microscopio ao tratarse dunha peza singular, non só polo seu interese entre o patrimonio científico, senón polo seu valor histórico e cultural e museolóxico, amais de posibilitar o progreso de moitas disciplinas científicas ao facilitar a identificación das estruturas básicas da materia.

Antony Van Leeuwenhoek, considerado o pai da microbioloxía e parasitoloxía,foi un dos primeiros en observar os microorganismos para o que utilizaba microscopios de deseño propio coma este que agora se protexe. Ademais, os microscopios eran pezas moi demandadas entón, sobre todo, para comprobar a calidade dos fíos dos tecidos do próspero comercio de panos por parte da burguesía da época.

O microscopio foi descuberto no ano 2014 na dragaxe de lodos dunha canle da cidade de Delft onde o científico viviu toda a súa vida e foi adquirido posteriormente polo seu actual propietario, residente en Galicia, por medio dunha plataforma dixital a un vendedor de antigüidades que o ofrecía como parte dun lote de instrumentos de pintura.

Unha vez que o tivo no seu poder, iniciouse o proceso de autenticación na Universidade de Cambridge.

Este exemplar é o único microscopio orixinal de Leeuwenhoek que se coñece en España, dos nove que se conservan en todo o mundo e dos máis de 500 que se cree que chegou a construír. É o irmán xemelgo do que existe no Museo Boerhaave de Leiden (Países Baixos), aínda que ten un aumento maior e, como aquel, presenta unha característica única: tres buratos no parafuso.

O resto dos microscopios localízanse fundamentalmente no país de orixe do naturalista, cuxas investigacións se consideran a orixe da microbioloxía e o desenvolvemento do microscopio.

Este BIC forman parte dos 95 bens declarados desde a entrada en vigor da lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia que facilitou a declaración e protección do patrimonio cultural cun concepto máis amplo baseado tamén nas relacións territoriais e no patrimonio inmaterial.

Así, a día de hoxe a comunidade galega conta con 771 BICs, incluíndo entre as últimas incorporacións bens como a igrexa da Cruz do Incio, a igrexa da Atalaia de Laxe, o mosteiro de San Martiño Pinario, o Parque do Pasatempo, a Terraza de Sada, entre outras.

02 dic 2021 / 18:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.