Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Díaz Pardo, 100 anos de pasado e presente

O colectivo Alento Escradexo prepara unha homenaxe na que quere involucrar á cidadanía

Isaac Díaz Pardo, unha figura de autoridade na historia recente galega, cumpriría o próximo 22 de agosto 100 anos, mais o seu corazón deixou de latexar un 5 de xaneiro de 2012 na cidade de A Coruña.

Un home de familia galeguista, o seu pai estivo relacionado coas irmandades da Fala, que traballou en vida coa idea de preservar e fortalecer a cultura e a memoria histórica de Galicia levando a cabo diversos proxectos , relacionados coas artes plásticas, a cerámica e a literatura.

Ante isto, entre outros eventos que se preparan para a ocasión, o colectivo Alento Escradexo decidiu tomar a iniciativa para preparar unha exposición a modo de homenaxe que, debido ao Coronavirus e á falta de recursos e financiamento, cinguirase nun comezo ao mundo virtual e recibirá o nome de Unha manda de pezas para Isaac.

Esta exposición, que se fará o propio día 22, está aberta a participación de toda a “cidadanía activa” , evitando quedar reducida exclusivamente ao mundo da cultura. Versará sobre un conxunto de pezas e documentos de diversa índole, como obras plásticas, textos, pezas musicais, vídeos e música entre outras, que se colgarán nas redes sociais e no blog do colectivo “agardando o día que poidan ser exhibidos na realidade”, como soñan os seus membros.

Este colectivo de 4 mulleres e 3 homes admiradores da figura de Díaz Pardo, ao que tamén coñeceron en vida, xúntanse “a nivel individual, como membros da sociedade civil, co obxectivo común de honrar a súa memoria”, conta Maka Arca, unha das organizadoras, xa que para eles o homenaxeado é o expoñente que “representa a perfección esta sociedade civil, a cidadanía activa que se atopa en movemento”.

De aí que para o nome do colectivo, a outro dos seus membros, Martiño Picallo, se lle ocorrera a palabra “Escradexo”, sinónimo de azo de bravura, fortaleza, que para eles representa a forma de afrontar a vida que tivo o homenaxeado. Esta ocorrencia, foi lembrando a Xohán Xesús González, un avogado, canteiro e escritor galego, asasinado no 36, que recorría moito a esta palabra nos seus textos.

O prazo para enviar as pezas para os que desexen participar nesta exposición remata o 13 de agosto. Algunhas delas xa se poden observar estes días no blog do colectivo, que o leva Héitor Picallo.

Os membros do colectivo aclaran que é un proxecto sen financiamento e “sen promesas de exposición nin publicación” pola tanto, só conta “co traballo xeneroso de todos os que participan no proxecto”.

Todo versa sobre a idea de conseguir manter viva a chama dun home todo terreo cando se cumpren 100 anos do seu nacemento.

28 jul 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito