Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Dic, Dac, Docs’, a serie infantil sobre a lingüística galega

O documental pódese ver no Portal da Lingua Galega da Xunta como parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, presentou a serie documental Dic, dac, docs elaborada por Adarme Visual para o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta. Valentín subliñou a importancia de “produtos tan coidados coma este” dirixidos á transmisión do galego ás novas xeracións “unha tarefa na que desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade queremos apoiar as familias e a escola”. Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron na presentación os directores do proxecto Dic, dac, docs, David Hernández e Álex Penabade.

O proxecto é unha serie documental producida por Adarme Visual que pode verse no Portal da Lingua Galega e na canle de YouTube da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Conta co guión de María Reimóndez, a voz en off de María Roja e a música de Iván Blanco.

Dirixida a nenos e nenas de 2 a 7 anos, os cinco breves capítulos que a compoñe teñen a finalidade de facilitar a adquisición de vocabulario en galego. Cada capítulo está dedicado a un tema en específico (a cidade, a horta, a casa, a granxa e os medios de transporte), que será o eixo a través do cal os pequenos descubrirán os elementos e as palabras en galego relacionadas con ese campo. Todos os capítulos están encadrados no ámbito galego e cunha referencia clara á xeografía e á cultura galega.

Dic, dac, docs forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022. Este fondo é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Xunta puxo en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural para ofrecerlle á cidadanía contidos de ocio en lingua galega ao tempo que se apoiaba economicamente ao sector cultural.

08 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito