Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Dime que máscara tes e direiche quen es

Hai uns séculos atrás celebrábanse nalgúns lugares, sobre todo en Venecia, os chamados bailes de máscaras. Era unha festa que por un momento lles permitía a todos ser o mesmo, sen clases sociais, sen estamentos, sen distincións de ningún tipo, porque nese tempo coas caras tapadas non había distincións entre ninguén. Sempre me chamou a atención nas típicas películas ambientadas nesa época iso de levar un antifaz agarrado coa man por un pau. E é que un preguntábase se iso sería maneira de esconder de verdade á persoa que se agochaba detrás.

Nas circunstancias que nos está tocando vivir por mor da pademia do coronavirus non quixera frivolizar con iso de ter que levar máscaras para protexernos e evitar contaxios masivos, pero permítanme que me acorde desas festas de disfraces nas que cada quen cubría o seu rostro ao seu gusto. Tamén agora, coa obrigatoriedade (e necesidade, recalco) de levar as nosas bocas e narices cubertos podemos falar de gustos e case se me poño de niveis, porque as máscaras son xa un novo complemento no noso vestiario do día a día e vanse convertendo nunha forma máis de transmitir algo a través do noso estilo. Quero dicir con isto que máis que ocultarnos e pasar desapercibidos tras uns cachos de tela, máis que ser todos iguais como naqueles bailes de máscaras, semella que aínda podemos facer máis distincións e identificacións a través dos deseños que levemos na faciana. Iso sí, nisto de opinar e clasificar polo aspecto e a vestimenta (defecto do ser humano), sempre podemos equivocarnos, porén coas máscaras pasará o mesmo. Explícome, igual alguén leva unha máscara Nike e non lle gusta para nada o deporte.

PARA TODOS OS GUSTOS. Ainda así, algo poden dicir estes novos elementos que levamos connosco todos os días sobre nós, sobre as nosas afeccións, as nosas crenzas, o noso estilo de vida... E vale que aínda hai moita xente que pasa de todo isto e simplemente leva unha máscara da farmacia, pero xa son moitos os que optan por algo máis personalizado. Non hai máis que botar un ollo pola rúa, sobre todo por certas zonas dalgunhas grandes cidades, para ver que isto xa é unha moda: máscaras conxuntadas coa roupa coas mesmas cores (e alucinabamos ao principio coa Raíña Isabel de Inglaterra) e incluso co mesmo estampado do vestido, telas decoradas con todo tipo de debuxos como bicicletas, notas musicais, flores, calaveras, escudos de equipos de fútbol...

TOCA REIVENTARSE. Xa que non podemos lucir sorriso alomenos podemos mostrar algo da nosa personalidade grazas aos distintos deseños que podemos atopar. E aí é onde lle toca reiventarse tamén a moitas persoas e negocios, que comezaron a comercializar os seus propios modelos. A miña perruqueira Loly facía tocados para festas e agora faiche unhas máscaras ben bonitas. Tamén a miña profesora de debuxo e pintura, María Eiras, que fixo uns deseños en acuarela (a min entusiasmame o de bolboretas). No deporte tampouco deixaron pasar a oportunidade de engadir un produto máis o seu merchandising e permitir aos seus afeccionados levar sempre con orgullo ao equipo dos seus amores, caso da SD Compostela na versión fútbol e na de atletismo. E hai moitas máis opcións que podemos atopar en calquera escaparate da maioría de negocios.

EFECTOS SECUNDARIOS?. Non teño nin idea de ningún problema médico serio que puidera conlevar o uso de máscaras, máis alá de que se che engrase máis a pel porque evidentemente sudas máis. O que me fai graza son algúns comentarios que leo polas redes, caso do da actriz e monologuista Arantxa Treus que comentaba hai días se a todas nos pasaba que nos medraba máis o bigote, para o que teríamos que preguntar por unha explicación científica. Un pouco de humor nunca vén mal, todos os problemas sexan eses, un pouco de malestar na cara.

01 ago 2020 / 23:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito