Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Discrepar

    Por que chamo a esta columna, que vostede, prezado lector, me fai a honra de soportar cada quince días, bágoas de crocodilo? Disque este horrendo saurio fai como quen chora para atraer as súas presas, doídas de queixumes tan desconsolados. Do mesmo xeito (ben que, por fortuna, metafórico), eu intento captar para a causa dos meus argumentos algún inxenuo usuario deste xornal facéndolle ver, talvez cun aquel de cinismo, que me importa de verdade o asunto que trato, cando, no fondo, cada vez son máis escéptico e todo me vai dando o mesmo. Quero con isto dicir que existen, ao meu xuízo, dúas formas en enfrontar a redacción dun artigo de opinión: hai quen escribe para pontificar, con ideas que a el (ou ela) lle semellan verdades inconcusas, conceptuando como un anatema que alguén poida non concordar (unha actitude esta especialmente adoita nos artigos de contido político); e logo hai outros autores, como este menda, a quen levar ou non a razón impórtalle máis ben pouco, porque o que pretenden é axitar conciencias ou, en calquera caso, achegar elementos para a reflexión, deixando esta aberta ao adobío de todo tipo de matices e modulacións. É dicir, en termos técnicos, tocar as narices, dar a lata e baduar por non estar calado.

    E é que por aquí a discrepancia non se atura ben e a máis insignificante diferenza lévase ao extremo. Será o noso herdo latino, non digo que non, pero temos unha moi deficitaria cultura do trasacordo. Perante calquera disentimento, todo se nos volve erguer a voz, ingresar no feo eido da descualificación persoal, alimentar a agresividade e dirimir quen leva razón, máis polo feito en si de levar a razón, timbre inequívoco de superioridade persoal, que de validar a nosa opinión con fundamentos desapaixonados. Déase un garbeo televisivo calquera día destes polo Congreso dos Deputados e xa me dirá.

    Nunha recente visita a Santiago, mentres eu presumía de cidade paseando polas rúas unha agradable tarde outonal cunha colega de Oviedo, contábame esta que unha semana atrás observou na contorna da sede do goberno autónomo un extraordinario despregamento de forzas policiais. A causa? Polo visto, o secretario xeral do ministerio de Agricultura visitaba o Principado e unha animosa representación de gandeiros proxectaba axustar contas co alto funcionario pola declaración non cinexética do lobo. Comentando a xogada co meu fillo pequeno (autor, por certo, dunha novidade editorial, Encuentos con lo salvaje, toda unha declaración de radical ecoloxismo e rabioso amor pola natureza), Juanpe, nun emocionante alarde de ecuanimidade e amplitude de miras, opinaba que ningunha medida pode ser unilateral e que, no caso do irmán lobo, toda decisión proteccionista, do proveito da cal non se pode dubidar, ten que traer da man apoio e axudas públicas para os gandeiros afectados, pois, claro está, non poden ter a mesma visión do tema un ecoloxista urbano, dos que liberan visóns de granxa crendo facérenlle un gran servizo, e o propietario dunha explotación con cincuenta vacas que pacen ceibas en Somiedo.

    Ao cabo, levar ou non razón é só unha cuestión de medida. O malo é que somos uns desmesurados. E así nos loce o pelo.

    20 nov 2021 / 00:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.