Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Divulgar e valorar a ciencia, premisas dos galardóns da RAGC

Onte celebrouse o acto de entrega dos premios, entre eles o concedido a Ramón Núñez Centella

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no Pazo de San Roque de Santiago o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021, e o Premio RAGC de Divulgación Científica 2021, convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia.

O evento, presidido polo presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, contou coa asistencia de numerosos académicos como a secretaria da institución, Pilar Bermejo, o académico da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, Ángel Carracedo, ou o responsable de publicacións e relacións sociais da Academia, Fernando Pérez González; así como a directora de Gain, Patricia Argerey; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; e o delegado institucional do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia, Antonio De Ron Pedreira; entre outras autoridades.

Os Premios á Transferencia de Teconoloxía en Galicia 2021 comprenden tres categorías premiadas con 6.000 euros cada unha delas. O premio “Francisco Guitián

Ojea” a un traballo de investigación aplicada recaeu nun proxecto titulado Utilización de proteínas da parede celular bacteriana como base para a formulación de vacinas de subunidades con aplicación en acuicultura. O traballo foi realizado por sete investigadores das universidades de Santiago e A Coruña: Manuel Luis Lemos Ramos, do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago (USC); Carlos Jiménez González, Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC); Miguel Balado Dacosta, do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago (USC); Katherine Valderrama Pereira, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC; Antón Vila Sanjurjo, Facultade de Ciencias da UDC; Diego Rey Varela, do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago (USC); e Jaime Rodríguez González, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC. O xurado valorou a calidade da investigación e a importancia da temática de técnicas de bioloxía molecular para a produción de novas vacinas cara a prevención de enfermidades de peixes en acuicultura mariña.

Recolleu o premio en nome do equipo o investigador Manuel Lemos que asegurou que o premio será sen dúbida “un enorme estímulo” para seguir traballando nesta liña de desenvelvemento de novas vacinas para peixes de cultivo, utilizando ferramentas da bioloxía molecular e a química estrutural. Sinalou que ven o premio como un recoñecemento á investigación pluridisciplinar, á colaboración entre grupos e á investigación básica como cimentación sobre a que se asenta a investigación aplicada.

É imprescindible transferir o coñecemento á sociedade, o que implica dedicarlle recursos de forma estable no tempo, fomentar as vocacións científicas entre mozas e

mozos e ofrecerlles unha carreira investigadora clara e estable” –destacou–. Dificultades para conciliar e falta de relevo xeracional, eivas actuais do traballo investigador.

O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o proxecto “BIOFAST – Biomaterial para rexeneración ósea” do grupo de investigación de Novos Materiais do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo (UVigo). Este equipo está formado polos investigadores Pío Manuel González Fernández, Julia Serra Rodríguez e Stefano Chiussi. O xurado valorou o desenvolvemento e transferencia dun produto biomédico innovador cunha excelente aplicación en traumatoloxía, odontoloxía e maxilofacial. Asistiu ao acto a recoller a distinción en nome do equipo o investigador da Universidade de Vigo (UVigo) Pío González. Para falar da historia de Biofast, proxectouse un breve vídeo. A

continuación, Pío González apuntou que para este grupo de investigación é unha enorme satisfacción que os seus resultados científicos poidan redundar nun beneficio

directo para a saúde e o benestar das persoas e, desta forma, retornar á sociedade parte da inversión en I+D a lo longo destes anos. Pero o investigador tamén quixo

sinalar algunha eida da ciencia, e polo tanto, da sociedade, como por exemplo que varias investigadoras xa non traballen no proxecto por dificultades para conciliar a vida familiar e laboral. Outras das deficiencias que puxo enriba da mesa foi a dificultade de reter talento, como asegurou acontece co seu grupo de investigación que está en “vías de extinción” pola falta de relevo xeracional.

Alice, tecnoloxía pioneira de recoñecemento facial

O premio “Ricardo Bescansa Martínez” a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off Alice Biometrics S.L.

www.alicebiometrics.com, xurdida da colaboración co Centro Tecnológico de Telecomunicaciones de Galicia, Gradiant. O xurado valorou especialmente o carácter innovador da tecnoloxía de identificación de identidade no proceso de rexistro dixital o éxito temperá no mercado. Por parte de Alice, recolleu o premio o cofundador e CTO Esteban Vázquez Fernández que agradeceu en nome de todo o equipo de Alice distinción para un camiño de moitas persoas e equipos de traballo que acompañaron o desenvolvemento, desde Galicia, dunha tecnoloxía de recoñecemento facial pioneira que senta as bases do que hoxe é Alice. “Cando comezamos a andaina de Alice como plataforma de verificación de identidade, fai agora dous anos, éramos un pequeno equipo de oito persoas. Agora somos case unha vintena, dando servicio a máis dunha vintena de clientes e cunha previsión de seguir crecendo nos próximos meses, multiplicando os miles de verificacións de identidade diarias que xa estamos a facer, e contribuindo a seguir abrindo novos camiños para esta tecnoloxía que algúns de nós vimos nacer e medrar e que hoxe recibe este recoñecemento” –indicou–.

Alberto Quian: “Grazas a todas e todos os científicos que durante anos me proporcionaron un coñecemento extraordinario e impagable sobre o mundo que habito”

Tamén se entregou o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021, que na súa sexta edición foi para a peza xornalística titulada Ciclodextrina: la conexión entre “El Señor de los Anillos’ y la pandemia de covid-19, do xornalista Alberto Quian (Vigo, 1976), publicada o 19 de agosto de 2020 no diario dixital El Salto. O xurado tivo en conta neste traballo xornalístico, publicado nun medio nativo dixital, a oportunidade de facer coincidir unha investigación galega sobre a covid cun libro e triloxía cinematográfica de éxito como El Señor de los Anillos, o que lle engade atractivo didáctico, no marco dun xornalismo slow. Alberto Quian recibirá de premio unha

dotación de 3.000 euros que irá acompañada dun diploma acreditativo. O gañador acudiu ao acto a recoller o seu premio. Alberto Quian deu as grazas ao equipo de investigadores do Departamento de Física Aplicada e do CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela que asinaron o

traballo do que saíu a súa reportaxe. “É un inmenso orgullo recibir este recoñecemento, máis nun ano tan sumamente dramático no humano pero tamén apaixonante, intenso e extraordinario no científico. Por desgraza, foi grazas á pandemia da covid-19 que demos un paso de xigante para dignificar o xornalismo científico e poñelo no lugar que

lle corresponde”, argumentou. E continuou expoñendo que actualmente hai outra pandemia, a da desinformación,

para a que tamén se necesitan vacinas. “Non é casual que a palabra que máis usamos para falar das redes sociais sexa viral, unha proba clara da natureza infecciosa destes

espazos para a comunicación das masas. Investigadores e xornalistas temos a obriga de deseñar e distribuír vacinas contra a mentira viral” –destacou–.

Malia vivir en Madrid desde hai trece anos, Quian sempre mantivo a súa mirada xornalística sobre Galicia, tentando dar a coñecer ao público a vasta produción

científica que se fai, teimando en mostrar que temos científicos na vangarda en distintos eidos, como a investigación mariña, a forestal, a xenética, ou a química

computacional, campo de traballo do que saíu este artigo premiado. “Grazas a todas e todos os científicos que durante anos me proporcionaron un coñecemento extraordinario e impagable sobre o mundo que habito”,sentenciou.

Ademais, o xurado decidiu outorgar un accésit deste premio ao segundo traballo mellor valorado, a peza xornalística titulada Investigación fronte a praga da rata toupa,

do xornalista Manuel Cruz Rodríguez (O Barco de Valdeorras,1974), emitido o 10 de abril de 2021 no programa Labranza da CRTVG. O xurado valorou que é unha peza

xornalística que pon o foco nun problema que afecta economicamente á realidade galega e achega como se está a abordar desde un punto de vista científico para darlle solución. Manuel Cruz recibirá de premio unha dotación de 1.000 euros, tamén acompañado dun diploma acreditativo. O premiado asistiu ao evento a recoller a seu premio.

Na súa intervención, Manuel Cruz falou dos inicios de O Agro, actual programa A Labranza, espazos que naceron nos inicios de TVG, destinados á xente do sector agrario, para servir na transmisión de coñecementos e na divulgación de novas técnicas que axudasen nas tarefas diarias do campo. Recoñeceu que un dos aspectos

que máis lle chamou a atención cando comezou a traballar neste programa foi a historia da investigación e a formación do sector agroforestal galego. “Fronte a imaxe

que unha parte ten do sector primario como atrasado e inmobilista, ao rebufo das innovacións das cidades, descubrín a través de figuras como as de Cruz Gallástegui ou Rof Codina, a mellora da Raza Rubia Galega e o desenvolvemento pioneiro de millos híbridos, a Granxa experimental da Coruña, antecedente do actual Centro de

Investigacións Agrarias de Mabegondo, o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, a Misión Biolóxica de Galicia, o traballo

pioneiro da Universidade, primeiro en Santiago e despois en Lugo, no desenvolvemento do coñecemento aplicado á agricultura, a gandería e ao monte”, explicou. Agradeceu a colaboración nesta reportaxe audiovisual ao grupo de Neuroanatomía daFacultade de Veterinaria do Campus Terra de Lugo da Universidade de Santiago, que

está a desenvolver unha estratexia para combater a praga da rata toupa, un roedor subterráneo que está a ocasionar moitas perdas en distintas zonas agrogandeiras da

montaña luguesa, un traballo innovador e respectuoso co medio ambiente baseado no emprego de sinais químicos que axuden ao control deste roedor. “Ás veces semella

que non vivimos os mellores tempos para a investigación, e especialmente para a investigación agraria e forestal, minusvalorada en ocasións polos plans orzamentarios e fora do foco da sociedade. Pero fronte este panorama, teño a constancia de que o espírito de investigadores como os deste grupo seguirá loitando por aportarlle un futuro

mellor á nosa terra a través do desenvolvemento científico”, explicou.

Finalmente, o Premio RAGC de Divulgación Científica 2021 foi para o divulgador científico Ramón Núñez Centella (A Coruña, 1946), considerado o promotor da nova museoloxía científica en España e artífice dos tres museos científicos coruñeses de titularidade municipal Casa das Ciencias, Domus (Casa do Home) e Aquarium Finisterrae (Casa dos Peixes), creados e financiados polo Concello da Coruña.

O divulgador deu as “grazas a todas e todos os científicos que durante anos me proporcionaron un coñecemento extraordinario e impagable sobre o mundo que habito”.

A Academia recoñecue con esta concesión a súa “ampla e frutífera” traxectoria no eido da divulgación científica en Galicia, e en particular, o seu traballo pioneiro na creación de museos de carácter científico na comunidade galega e noutras rexións de España “o que o converten nunha figura senlleira da divulgación da ciencia, merecedor do premio”. Núñez Centella asistiu ao acto a recoller a distinción. Neste recoñecemento ao seu labor de divulgador científico, Centella agradeceu a RAGC o premio. Indicou que os investigadores son, e merecen selo, una categoría de vangarda no colectivo científico, pero salientou que a ciencia non pode avanzar de xeito equilibrado sen o apoio da sociedade que a sustenta. “Os divulgadores teñen un papel substancial no progreso da ciencia e, por iso, no progreso da humanidade. A cultura científica é o único que pode permitir ás persoas vivir en equilibrio coa súa contorna natural e tecnolóxica” –manifestou–.

No peche do acto, Juan Lema felicitou aos premiados e destacou a importancia da transferencia de tecnoloxía para “valorizar a actividade científica” e de divulgación para “transmitir á sociedade os valores e as capacidades da ciencia”. Pola súa parte, Patricia Argerey destacou na clausura que, entre os aspectos positivos derivados da pandemia, atópase a sensibilización da sociedade sobre a importancia da investigación, un ámbito no que a comunicación da ciencia, que recoñecen estes galardóns, desempeña un papel fundamental. Así mesmo, destacou a capacidade de resposta do Sistema Galego de Innovación, que volcou todos os seus esforzos en atopar solucións, especialmente a colaboración entre axentes para innovar, un factor que foi identificado precisamente como unha das fortalezas da nosa rexión no Regional Innovation Scoreboard 2021. Finalmente, a directora de Gain felicitou aos premiados e agradeceu a colaboración da RAGC no labor de estímulo e fomento da transferencia do coñecemento e da comunicación da ciencia, dúas pezas clave no progreso económico e social de Galicia.

29 jun 2021 / 20:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.